|
Os máis optimistas pensaban daquela: polo menos, ímonos desfacer dos colitros. Cun pouco de sorte as administracións públicas tomarían cartas no asunto, e xa que todo o monte ardera, polo menos poderiamos reforestar dunha vez cun pouco de sentidiño. Escoitamos que hai zonas onde realmente se fai. Lemos como os escolares están a repoboar de carballos unha zona en Tomiño, na provincia de Pontevedra, co gallo de resucitar a fraga galega, que só conservamos no Eume, nesa paraxe espectacular das Fragas do Eume. Un agora usa moito a estrada AC-552 que une Carballo con Fisterra e o panorama é desolador. Catro carballos esporádicos por aquí ou por alí dan unha toque de cor a este outono, pero o tono apagado do eucalipto non marcha da vista. A zona que máis deixa a un desolado é a parte entre Berdoias e Cee. Unha vez pasado Berdoias deixamos á esquerda unha zona onde o toxo, o marabilloso toxo que por primaveira fai dese minuto de condución un minuto de gloria. Sería encantador ter deixado moitas máis zonas sen explotar, pero nesta sociedade isto sería impensable. Pero é o bonito que queda? O máis triste aparece nesa cor verde turquesa dos colitros máis novos. Ao longos dos 10 ou 15 quilómetros que separan Berdoias e Cee, milleiros de pequenos eucaliptos crecen as súas anchas, o as súas estreitas, máis ben. Non se sabe ben se a causa é a deixadez, i é que se ao colitro lle das a opción de crecer sen trabas el vaina aproveitar seguro, ou é que a reforestación se fixo do mesmo xeito, con colitros, que en 5 aniños xa temos madeira que vender. Fonte
|