|
A semana pasada dábamos unha volta polo concello de Carnota e descubríamos as fermosas fervenzas de Pedrafigueira. Moi preto de alí atopamos un pequeno monte de granito no medio do Chan das Lamas, na parroquia de San Mamede, dende onde as vistas son inmellorables e que podemos albiscar dende calquera punto da chaira de Carnota. O Bico do Santo, situado no lugar de Pedrafigueira, é un picacho en cuxo cumio houbo unha ermida dedicada a San Sebastián. No curuto hai unha cruz branca que fóra colocada alá polo 1935. O Bico é precioso dende calquera ángulo. Vemos na imaxe horizontal unha vista dende o lugar das fervenzas de Pedrafigueira, pero dende a parte sureña do monte Pindo a vista tamén é preciosa. A súa privilexiada posición permite ter unha vista que abrangue desde punta dos Remedios até Caldebarcos. A placa que hai na cruz (imaxe de abaixo á dereita) ten unhas escrituras cristianas que din o seguinte: JHS: Cruz Santa signo de redenció, trono del sol de justicia y amor llave eficaz para abrir las puertas de los cielos y esperanza segura de vida y felicidad eterna. Yo te adoro. Domingo Otero Rama 1935. Como chegar Dende a estrada da costa que une Cee e Muros hai varias saídas antes de chegar a Pedrafigueira á man esquerda indo cara Muros. Nos collimos o 2º desvío, na saída que vai cara as fervenzas de Pedrafigueira (hai un cartel que anuncias as fervenzas) logo dun par de curvas pechadas en costa arriba. Antes de chegar xusto ao pavillón hai que coller unha pista asfaltada á dereita, deixando un colexio a man dereita. 500 metros máis adiante hai un roteiro á esquerda (cun cutre cartel e un pouco de lixo ao carón), pero podemos deixar o coche 100m máis adiante onde hai unha zona esfaltada adecuada para o aparcamento. Collemos dito camiño e imos rodeando un pouco o Bico, que nos queda a man esquerda. Logo de 5 ou 10 minutos andando, antes de chegar a unha zona de carballos (se chegades a ela dade a volta por é que vos pasastes, coma nós, e non é difícil), hai un camiño moi estreitiño a man esquerda marcado con pedras. Isto é, segundo vas, xente lista colocou pequenas pedras enriba doutras máis grandes, permitindo seguir o camiño ata arriba sen perda pero con algún sobresalto. Dicimos sobresalto porque hai zonas nas que algún saltiño hai que pegar, vamos que para as xentes con algún problema de mobilidade non é recomendable a aventura. Para o resto, imprescindible. Outros recunchos da Costa Novas relacionadas Fonte - Redacción de Que pasa na Costa.
|