|
O balance do Noitebús Nadal 2007 refírese á ocupación dos autobuses que achegaron a festa á mocidade durante as últimas tres fins de semana e festivos do ano, que incluías as datas de Noiteboa, Fin de Ano e Reis. Máis de 70 liñas prestaron servicio en todo o país durante o Nadal. Na nosa bisbarra as rutas que rexistraron maior demanda foron a de Camariñas-Ponteceso (con 450 pasaxeiros entre a finde semana do 21 e 22 de decembro, a do 29, 30 e Ano Novo e o día 6 de xaneiro), a de Baio-Carballo (con 272) e a de Esteiro-Louro (con 205). A cousa non ficou aí e outras rutas prestaron este importante servizo na nosa bisbarra cos seguintes datos: Ponte do Porto-Santa Comba (101 pasaxeiros durante as 3 datas sinaladas), Cee-Santa Comba (195), Carballo-Santa Comba (119), Santa Comba-A Picota (71), Baio-Zas-Santa Comba (110). Curiosa foi a ocupación das liñas Muros-Carnota-Cee e Fisterra-Corcubión-Cee, que contaron con 6 e 2 ocupantes no global do Nadal. Semella que nestes 5 concellos aínda hai traballo que facer para promocionar e facilitar o uso deste servizo. Ou se cadra habería que facer este servizo con outros que permitiran realizar un desprazamento dende Fisterra ou Carnota ata Santa Comba ou Vimianzo de xeito coordinado mediante un sinxelo trasbordo. Pero isto semella demasiado complicado de organizar. A Consellería asegura que manterá as liñas A Consellería de Política Territorial mantén a liña de subvencións dirixida a concellos e empresas para a continuidade no tempo deste transporte, que posibilitou o seu funcionando con regularidade dende xullo do ano pasado. Así, durante a presentación dos datos do balance do Nadal, a conselleira María José Caride salientou que esta iniciativa estase a consolidar como un verdadeiro servizo alternativo de mobilidade para os mozos nos seus desprazamentos nocturnos durante as fins de semana, cousa que dubidamos un pouco pero que agardamos con moitísima ilusión que verdadeiramente niso mesmo se convirta. A implantación de liñas Noitebús depende da iniciativa dos concellos ou das empresas de transporte, que contan cunha liña de axudas por parte da CPTOPT que cubre ata o 90% do custe do servizo. Noitebús como medida para frenar a sinistralidade nas estradas A iniciativa do Noitebús é unha das medidas enmarcadas dentro do Plan Galego de Seguridade Viaria deseñado pola CPTOPT en coordinación co resto de Consellerías, co fin de atallar a siniestralidade nas estradas, especialmente entre a xente nova. A este respecto, María José Caride, amosouse esperanzada sobre a redución de vítimas mortais de tráfico en Galicia durante o ano pasado e salientou a modo de exemplo que por primeira vez en moitos anos, non se rexistrou ningunha vítima nas estradas galegas na noite de fin de ano. Precisamente, os datos da Dirección Xeral de Tráfico para Galicia corroboran un descenso do 8% de vítimas en 2007 con respecto a 2006 en estradas e vías urbanas (ao pasar de 312 a 287). Cinguíndonos exclusivamente ao período de Nadal, os falecidos pasaron de 14 a 12, o que representa un 14,29% menos con respecto a 2006. Máis información Fonte
|