|
A directiva da asociación Universidade Popular de Corcubión vén de renovarse recentemente, presentando xente xove e con gañas de dar un novo impulso a esta entidade histórica na vila de San Marcos. O novo presidente, Alfredo González López, fala para O Acontecer da nova etapa da organización, que conta na Vicepresidencia con Serxio Iglesias Rodríguez, na Secretaría con Dulce Canosa Trillo e na Tesourería con Diego Díaz Silva. Como vogais foron elixidos Isabel Sonería Leis, Olaia Figueira Martínez, Natalia Ferrol González e Marcos Sonería Leis. - Como xurdiu a idea de coller a dirección da asociación?
Algúns de nos xa tiñamos en mente fai tempo de crear unha asociación nova que fixese algo que non facían as demais, algo innovador pero tendo en conta de onde vimos, as nosas raíces. Pero fai uns meses membros da anterior directiva propuxéronos coller as rendas da asociación, xa que crían que era necesario que xente nova formara parte da nova directiva. Nós estamos moi ledos de que contasen con nós porque o prestixio desta asociación xa está máis que demostrado e a xente que estivo nela, sen excepción, traballou duramente para que así fose. - Cales son os obxectivos que vos prantexades nesta nova andaina?
A Universidade Popular de Corcubión naceu como asociación no 1983 cuns fins a cumprir moi importantes como os de promover a renovación pedagóxica no ensino, formar a profesores, fomentar a cultura e lingua galega, realización de seminarios, obradoiros de expresión, fomento de belas artes…Nós cremos que estes obxectivos deben manterse, pero os novos tempos fan que haxa que abrir máis aínda os fins da asociación; pretendemos entrar no mundo da muller, da cooperación co Terceiro Mundo, da solidariedade e da antiglobalización, tentar fomentar a normalización lingüística, a recuperación do Folclore Galego, na promoción do uso das novas tecnoloxías da información, na protección do medio ambiente e promoción dunha vida saudable, a realización de charlas e debates, realización de festivais de baile... - Que actividades ides a desenvolver proximamente?
 O sabado 19 de xaneiro deron comezo as clases de baile popular e de pandeireta. Aínda que vista a demanda que estamos recibindo para que se leven a cabo clases de gaita, estamos pensando en poñer tamén en marcha as clases desta. Temos en mente a realización de seminarios e charlas antes do verán, así como dedicar un mes á realización de actos e actividades encamiñadas á solidariedade e cooperación, pero por agora non desvelamos máis detalles. - Con que apoios contades para desenrolar a vosa labor?
Contamos en primeiro lugar coa axuda da anterior directiva, que están a axudarnos e orientarnos en todo o que poden. O Concello buscounos un lugar para levar a cabo os ensaios de baile e pandeireta. O CDAR (Centro de Desenvolvemento Asociativo Rural) axúdanos en canto a cuestións burocráticas e pasos a seguir para levar a cabo todo dunha forma axeitada e, como non, contamos coa axuda de veciñas e veciños, que están respondendo positivamente ao chamamento que fixemos para que se fixeran socios e colaborasen con nós e para que participen nas nosas actividades. - Pesa moito a responsabilidade de tomar o timón dunha entidade con tanta historia en Corcubión?
Pois a verdade e que sí, xa que esta asociación está máis que consolidada e o seu funcionamento é moi complexo polo que durante estes últimos meses estamos a traballar o que se pode e máis para poñer todo a rodar o antes posible, pretendendo que chegue a ser de novo a asociación máis dinámica da Costa da Morte. Novas relacionadas Fonte - Nova cedida polo semanario O Acontecer.

|