|
Esta pasada semana quedábamos nun bar de Cee para tomar un cafeciño con Artur Trillo, actor, monitor de teatro (os luns dá clase en Cee e os martes en Muxía) e director da compañía Talía Teatro e da Mostra de Teatro de Cee que cada ano enche a vila ceense de vida. O obxectivo era preguntarlle sobre as últimas actuacións do grupo, nada menos que en París, e, sobre todo, polo actual estado do mundo cultural na nosa bisbarra. O Talía Teatro polo mundo adiante A primeira pregunta foi case en idiomas, sobre a actuación en París, coa súa obra "Bicos con língua". Escapábaselle o sorriso, seguro que do ben que o pasaron, a Artur, lembrando a boa experiencia. Levamos todo nunha maleta para que facilitar a contratación, e contando con que somos tan só 3 os compoñentes neste espectáculo, pois non tiveron máis remedio que contratarnos. Estas viaxes ao estranxeiro débense aos lectorados de galego que hai polas universidades do mundo adiante. O equipo do Talía Teatro xa ten actuado por aí, coma en Euskadi hai 3 anos, en Barcelona hai 2 ou no Salvador de Bahía do Brasil o ano pasado. O seguinte destino pode ser Roma. E a seguir levando a lingua e mailo arte galego por aí endiante. O modelo dos 80 e o espectador activo Pregunto pola inciativa que inauguraba o Talía Teatro en Cee, os Sábados en Familia para entrar no tema principal da charla. Calquera programa cultural que ofreza regularidade e constancia, un espectáculo semana tras semana, axuda a que a xente se familiarice, xa que se tes dúbida de se hai ou non, nunca vas. Cal é o diagnóstico da cultura, pois? O maior problema da bisbarra é que os concellos acabaron coa particiación das asociacións nos programas culturais. O espectador deixou hai tempo de ser activo, agora é pasivo, e dese xeito é moito máis difícil involucrar á xente. Semella un diagnóstico ben interesante para que dende os concellos vaian tomando nota. O meu caso é un pouco especial, porque traballo para o concello como monitor de teatro, e ademais está o tema da Mostra, pero en xeral as Asociacións pintan pouco nas programacións. Precisamos máis mesas de opinión, máis debate entre técnicos do concello e asociacións, máis involucración dos veciños nos programas para darlle máis vida ás vilas. Trillo conta tamén unha iniciativa que lembra de cando organizaban eles eventos no concello de Cee. Daquela un grupo de rapaces do instituto ían actuar no Salón de Actos do Concello e querían sacar cartos para a viaxe de fin de curso. E nós queríamos ver a sala chea. Así que lles ofrecimos a recaudación e a sala enchíuse. Unha política de simbiose sempre é positiva para un concello. Ser actor é un regalo Falamos un pouco da súa polivalencia, por exemplo, da súa experiencia con Ernesto Chao e Rosa Álvarez en "As últimas lúas", un espectáculo de Furio Bordón que dirixe Xulio Lago, que xa pasou pola Mostra de Teatro de Cee e polo ciclo Nós somos treatreiros! de Ponteceso, deixando boa conta do seu éxito. Xa levamos 70 funcións durante o 2007, e quédannos aínda unhas 4 ou 5 máis, do que se pode dicir que é o espectáculo máis exitoso do ano no país. Un regalo iso de ser actor. É coma ser artista de verdade. Ti comezas a traballar cando te pós o traxe, e terminas cando aplaude o público, e xa está. De tódolos xeitos fáltalle algo. A verdade é que me gusta máis andar organizando. Chegar as 10:00 da mañá, poñerse a montar o escenario, estar atento cos bocatas, que se as habitacións están listas, que se falla algo... iso gústame máis chegar actuar e marchar. Casas da Cultura Queríalle eu preguntar por un destes misterios da zona. O das Casas da Cultura é de filme de suspense. Enormes edificios abandonados a medio facer, con retrasos megalíticos, con presupostos enormes... pero se é para cultura, non pasa nada. Trillo recoñece que os concellos teñen que ter un espazo para a cultura, lugares onde as asociacións poidan reunirse entre elas e co concello, onde se poidan celebrar calquera espectáculo, exhibicións... Preparando unha nova obra A compañía atópase agora en Compostela preparando unha nova obra, "E ti quen vés sendo?", con 10 actores baixo a dirección de Cándido Pazón. Ten que estar lista para marzo, e pasaremos por aquí, por Cee, o 13 de abril. Así que xa sabemos onde atopalos. Porque da Mostra aínda non hai nada preparado. Sábese que será a semana logo da Xunqueira, pero ata maio ou abril non nos poremos a traballar. Polo de agora andamos buscando cartos da Xunta ou da Deputación, nada máis. Novas relacionadas Fonte
|