|
Febreiro pode ser un bo momento para comezarmos a pensar neste vindeiro verán. O atípico verán pasado, no que a provincia da Coruña sufríu 577 lumes, correspondendo a un descenso do 82% da superficie queimada, non pode ser tomado como exemplo para tomar decisións de cara ao coidado dos montes e á prevención de incendios. Non queda, nembargantes, tan lonxe aquel verán do lume, no que o país enteiro, e a nosa bisbarra particularmente, sufriron o peor pesadelo que o monte pode soñar. Falábase logo de repoboar o monte con especies autóctonas e de fomentar a prevención de incendios. Tras ano e medio, semella demasiado bo para ser certo, e nos bosques nacen pequenos "colitros" recén plantados (segue sendo a especie que experimentou un maior aumento da súa cabida ocupada) e as brigadas antiincendios voltarán a traballar a mediados de xuño, cando o lume xa está en marcha e non hai tempo para os traballos de limpeza. Onde está a prevención, daquela? A Xunta conta co chamado PLADIGA (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza), que ten por obxecto o establecemento da organización e o procedemento de actuación para facer fronte aos incendios forestais dentro do territorio galego. Todas estas verbas téñense que traducir en feitos e as brigadas de prevención han de pórse a traballar xa mesmo co gallo de deixar o monte listo para o comezo de campaña. Nun país como Galicia onde o 68,96% do territorio é superficie forestal, a cal aumentou máis do 35% nos últimos anos e onde contamos con máis de 600 millóns de árbores (máis de 252 pés por habitante), habemos establecer unha política de prevención efectiva, cunha rede de cortalumes eficaz pero non agresiva, cunha estrutura que permita aproveitar esa maleza, esa materia orgánica "sobrante", para a produción de madeira, e sobre todo, cunhas brigadas que traballen cando menos 9 meses ao ano cobrando, iso si, un salario digno, que permita que non só sexan os catro parados de cada vila os que se apunten. Novas relaicionadas Fonte
|