|
A Comisión Europea ven de aceptar a denuncia do grupo ecoloxista PX Ponte do Porto sobre o desastre do encoro da Fervenza. Isto fará que o organismo abra un expediente para esclarecer o ocorrido e establecer responsables. É un estudio da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión o que sinala a gravidade dos feitos, acentuada porque os danos poderían afectar á Costa da Morte, un Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), segundo proposta española ante a UE. O portavoz de PX, Rafael Lema valora a noticia como “un paso adiante para aclarar o que aconteceu naqueles días no río Xallas”. Lema explica que o seu grupo presentou “unha denuncia na Comisión Europea” por considerar o asunto “de extrema gravidade”. “Isto obrigounos a acudir a unha instancia superior, xa que víamos contradicións nos informes dos distintos estamentos implicados”, engade. Pensa tamén que é “un feito moi importante” porque a Comisión Europea “só actúa coa intención de esclarecer os feitos e chegar ao final”. PX xa interpuxera unha denuncia ante o Valedor do Pobo polo que consideraba explicacións contraditorias da Consellería de Medio Ambiente, Ferroatlántica e o Seprona. “Dende o momento en que se produciu unha gran mortaldade de peixes, o desastre implicaba que a empresa que xestiona os encoros e Medio Ambiente non actuaron a tempo. Hai varios implicados nestes feitos e o Valedor do Pobo posiblemente non faría un informe correcto en todo punto por estar relacionado cunha desas partes implicadas”, sinala Lema. Deste modo, “a Xunta e o Goberno central van ter que dar explicacións sobre o asunto”. Agora PX “agarda unha resposta”. A meta desta organización é “aclarar os feitos para que se estableza un responsable e que este pague para recuperar o hábitat natural da Fervenza”. “As posibles multas deben ir orientadas nese camiño”, finaliza Lema. A Xustiza vén de imputar a 2 altos cargos de Augas e Galicia e máis a 2 de Ferroatlántica, de xeito que semella, que polo menos, logo da desfeita, haberá a quen se lle poida responsabilizar. Os peixes xa están alá, mais algún terá máis coidado no futuro. Novas relacionadas Fonte
|