|
Estes días, logo da manifestación de Compostela están dando declaracións ben interesantes arredor do Plan Acuícola. Primeiro era José Luis Acción Porto en La Voz, candidato ao congreso polo PSOE provincial da Coruña. Acción asegura que os postos de traballo son suficiente razón para hipotecar o litoral (el non o dixo así, claro). Dende a Plataforma Seiruga Limpa tomaron estas declaracións como unha clara provocación e prantexan a situación dende outro punto de vista. ¿Pero de cantos postos de traballo estamos falando? pregúntanse en Seiruga e en toda a Costa galega. A Plataforma analiza as promesas que chegaron para a ranxa de Seiruga: Carmen Gallego falaba de 50; Juan Otero, técnico da Xunta, entre 80 e 123; o plan fala de 127 (1.400 toneladas/11 toneladas por traballador) e as previsións ollando granxas de similiares características, sinalan uns 20/25 postos. Comparados cos 400 que da a pesca tradicional en Malpica, non semellan suficientes como para correr o risco de empeorara a calidade das augas. Manuel Vázquez á palestra Outro que facía unhas declaracións que non deixaban perda foi o Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta afirmando que os manifestantes non representaban á sociedade galega senón que defendían intereses particulares: Só ían polo que hai do meu. Ademais tachaba de electoralista a manifestación. A Plataforma remata o escrito cun claro e rotundo mensaxe ao conselleiro: Xa hai moito que o Sr. Vázquez ten un suspenso en medio ambiente, pero agora ten outros dous: en democracia e en respecto á cidadanía e por iso esiximos a súa dimisión. Vídeo sobre as granxas A Plataforma pola Defensa Cultural de Quilmas amosa un vídeo que presentaba hai pouco Adega sobre os verquidos das piscifactorías da Costa da Morte e o futuro que lle agarda aos nosos irmáns do sur. O vídeo sae dun programa portugués chamado Biosfera no que participan membros de Adega, e como toda cousa que se precie, ou que non, xa está no "yutú". Novas relacionadas
|