|

A semana pasada achegámonos a Seiruga da man do Alfonso da Seiruga, ou Ceiruga, como realmente se escribe, mais o seseo da nosa costa provoca esta clase de problemas. Alfonso, membro ben activo da Plataforma Seiruga Limpa amosábanos a zona onde se vai construir unha nova granxa, que abrangue varias zonas de especial interese. Seiruga Limpa é unha das plataformas que máis se está facendo escoitar co gallo da loita contra o plan e non son poucas as veces que viaxan a Santiago tentando ser escoitados, a maioría das veces sen éxito, polos altos cargos que sen coñecer as zonas argallan un futuro negro para a nosa bisbarra. E non andan con coñas, contan mesmo cunha encantadora herriko taberna (que non é máis que unha casa do pobo, que di a tradución do euskera) e todo, a Casa Vasca, rexentada claro pola Vasca, onde se reúnen para argallar onde se pode facer ruido. Non faltan a un mitin, é o mesmo dos verdes que dos amarelos, e nin PP, nin BNG libran da súa incómoda presencia como pasou esta fin de semana en Malpica e Carballo, nos respectivos mitins. Podedes ver ambas protestas no blog Seiruga Limpa.
Alfonso amósanos a zona onde vai estar a granxa, que collerá todo o humidal Xuncal da Martela, malia que o proxecto non o contemple, onde no verán centos de familias pasan os días, e chega ata os piñeiros da Aghra e Ghoriño, hortas que se traballan aínda a día de hoxe (como vemos na foto da dereita), ao carón do río de Ba, que queda onde comeza bosque do fondo da foto de arriba, lugar ata onde chegaría a granxa. Entre os afectados polas expropiacións podemos atopar a uns 50 veciños, dos que uns miran ao ceo polos 6 euros por metro cadrado que lle pagarán, mentres outros saltan de ira contra o que pode ser a fin dun lugar marabilloso. Hai que mirar por todos Unha das cousas que máis cmentan é a necesidade de unirse. Semella claro que esta loita témola que gañar entre todos e non vale iso de hai 2000 km de costa. Como lembra a Vasca, Non queiras para os demais o que non queres para ti. Hai que cortar o plan de raíz, totalmente, e non pasrlle o marrón ao veciño. Turismo Cando Alfonso fala de turismo, non só fala dos 4 madrileños que pasan 2 días ou unha semana na costa. Fala de que hai moita xente que volve, e volve para quedarse. Non son poucos os veciños xubilados que montaron o chalecito e quedan aquí. Como dí Alfonso, en Camariñas perden poboación, pois aquí gañámola. E esta xente non ven porque haia bo rodaballo, non. Castro de Entretorres ou Ghaliana Se en Merexo andan a voltas coa Fortaleza, a zona da granxa conta cun castro, do que tan só se pode ver unhas pedras da muralla, xa que queda baixo a maleza. Para a granxa hai cartos pero para excavacións nin un peso. Ademais do castro e do humidal, a zona é un IBA (zona de nidificación de aves, Important Bird Area), linda co LIC da Costa da Morte (Espazo natural en réxime de protección xeral), isto é, incluído na "Rede Natura 2000" de Galicia, e conta daemais con varios Puntos de Interese Xeolóxico (PIH) coma o Monte de San Adrián, a ensenada do Laghixón ou unha Rasa Cuaternaria de desprazamento de pracas. Por se fora pouco, as Sisargas, que pronto formarán parte do Parque das Illas Atlánticas, está diante da zona. Percebes A Vasca apunta que un dos maiores perxudicados da zona é a hostelería. Aquí la gente viene por lo bonito que es y por el marisco, y si hay una piscifactoría al lado la desconfianza es grandísima, normal. Alfonso lembra que a costa de Barizo (a parroquia onde está Seiruga) é un dos mellores caladoiros de percebe de todo o concello. E non o di calquera, que Alfonso leva máis de 30 anos na mar, emalia estar en paro ten mallado moito por estas pedras alén de recorrelo mundo en barco. Temos a Pedra da Ghaliana, o ollo da Moa, a Ínsua de Vigo, o Có, e todas teñen un percebe buenísimo. Haberá que ver como quedan logo cos verquidos. Toma e saída de augas O auga será tomada na ensenada de Encidre, diante da praia do mesmo nome (vémolas 3 praiiñas na foto da esquerda), onde hai un criadoiro de camarón, centola e nécora. Mentres que os verquidos caerán na ensenada de Beo, onda o porto, que contando coas corrientes do noroeste, dato no que os expertos dos informes nunca pensarían, toda a merda remataría na ensenada de Beo (á dereita). Proxecto O proxecto da piscifactoría de Seiruga trátase dun parque é de nova creación. A superficie do novo parque será de 200.000 metros cadrados. Xa coñecemos a actitude dos veciños malpicáns e do propio goberno, que se opón frontalmente á construción da granxa. Mesmo hai un par de semanas, os técnicos da Aroga (Asociación de Productores de Rodaballo de Galicia) visitaban Malpica para tentar convencer aos veciños das bondades da produción de rodaballo, mais a resposta foi contundente e os veciños non se deixaron convencer. Podedes bota un ollo no blog Seiruga Limpa que a cousa está interesante. Como xa fixemos cos proxectos de Quilmas, de Merexo e de Lira, analizamos os pormenores do estudio que a empresa Ceinsa realizou para Pesca, onde xa recoñece que de pouco vale, que o informe ambiental limítase a expoñelos sen ir máis alá e sen concretar en que grao se verán afectados. Usos do solo Están definidos como culfo, isto é, cultivos forraxeiros en maioría. En menor proporción aparece eupiñe, lenda que corresponde a eucaliptos e piñeiros. Clasificación e ordenación urbanística do solo - A) Clasificación urbanística actual:
SOLO RÚSTICO DE PROTECCIÓN DE COSTAS, na franxa paralela ao deslinde da zona de dominio público marítimo-terrestre, coa anchura determinada pola lei vixente. SOLO NON URBANIZABLE COMÚN (NU), fóra desta franxa. - B) Clasificación adoptada polo presente Plan sectorial: Para o parque n.º 17 SEIRUGA proponse cualificar os terreos de todo o ámbito como de SOLO RÚSTICO DE PROTECCIÓN DE COSTAS (onde se pode construir ata 3,5m de altura, respetando 5 m polas beiras, e construindo como máximo nos 2/3 da superficie total ocupada), nos terreos que se atopen a unha distancia inferior a 200 metros da ribeira do mar, e SOLO RÚSTICO DE PROTECCIÓN ORDINARIA, no resto.
ESTUDO MEDIOAMBIENTAL - O parque atópase preto do LIC da Costa da Morte (Espazo natural en réxime de protección xeral), isto é, incluído na "Rede Natura 2000" de Galicia.
- A orografía da zona presenta os acantilados típicos da Costa da Morte.
- O río Esteiro localízase ao oeste da delimitación de Seiruga e na súa desembocadura na enseada de Esteiro adquire unhas condicións naturais que o fan merecedor de formar parte da Rede Natura 2000 Galega.
- A zona de estudo enmárcase dentro do IBA (Important Bird Areas) COSTA DA MORTE.
- Aínda que a área considerada non inclúe ningún humidal, si convén destacar a presenza nas súas proximidades dos seguintes: Enseada do Esteiro, Estanque de Monte da Insua e a Enseada de Porto Barizo.
- Fauna: 27 especies animais;
- Flora: Temos matogueiras de toxo sen apenas breixo e exemplares de eucalipto ou piñeiro, mais hai especies vexetais características do LIC Costa da Morte como:
- Omphalodes littoralis; - Rumex rupestris; - Sphagnum pylaisii. Conclusión A propia Ceinsa conclúe: Consideramos que a área é posuidora de certos valores e méritos de conservación protexidos pola lexislación actual, pero o informe ambiental limítase a expoñelos sen ir máis alá e sen concretar en que grao se verán afectados ao non coñecer a entidade do proxecto nin o xeito en que se pensan acometer as obras deste. Vale para algo isto? Eles mesmos din que non é un sitio adecuado para construir unha industria e aínda así vaise facer. Novas relacionadas Máis información Fonte
|