|
O rexedor nacionalista de Zas fala para ‘O Acontecer’ dos comicios xerais do 9 de marzo, nos que o BNG aspira a ter unha representación que lle permita ser importante na gobernabilidade do Estado para defender os intereses de Galiza. Manuel Muíño sinala a importancia para o noso país do AVE ou das transferencias. Cre que non vai haber maiorías absolutas e pensa que o importante para o BNG é que sexa decisivo en Madrid. Que se xoga a Costa da Morte nas vindeiras eleccións xerais? A Costa da Morte xógase o mesmo que Galiza, xógase o ter peso en Madrid, o ser importante en Madrid e o ter que contar nas decisións que se tomen en Madrid. Hai moitas decisións que afectan a Galiza que se toman en Madrid. Estamos falando por exemplo do AVE, que está rematado noutras comunidades autónomas e aquí seguimos sen el, ou o que pasou cos astaleiros en Astano. A Costa da Morte xógase ter capacidade de decisión en Madrid, que xógase a través do propio BNG. Que cuestións prioritarias para Galiza e a Costa da Morte vai defender o BNG na vindeira lexislatura estatal? A nivel de Galiza todos aqueles intereses que afecten á nosa terra. Xa estivemos vendo a importancia das transferencias, por exemplo a de Tráfico, que están desatascadas pero agora vén o proceso de negocialas, de negociar o orzamento. E a nivel da Costa da Morte estamos falando dunha aposta decidida porque o goberno da Xunta está demostrando unha aposta decidida pola propia Costa da Morte. Aínda non fai moito presentouse en Vimianzo o proxecto de residencia da terceira idade. Entón pois creo que este goberno faría presión en Madrid polo menos naquelas decisións que afecten á nosa bisbarra. Sería moi importante que teñamos unha voz forte e unha voz que sexa necesaria, que os nosos votos sexan necesarios en Madrid para decidir o goberno do Estado. En canto aos dous grandes partidos estatais, cal sería o resultado idóneo para Galiza o 9 de marzo? Eu creo que evidentemente que non haberá maiorías absolutas, creo que iso se dá por descontado, nin por parte do PP nin do PSOE, co cal o resultado idóneo sería que o BNG teña a capacidade de decidir, que sexa necesario para decidir o goberno de España, ou polo menos a gobernabilidade de España. Non hai que esquecer que xa nesta lexislatura o BNG foi decisorio con dous deputados en moitas cousas para o goberno estatal, e apoiou en moitas cousas ó goberno estatal. Cando din que nós só temos en conta o noso, eu creo que apoiamos cuestións fundamentais como a Lei de Servizos Sociais, Lei de Igualdade, matrimonio de homosexuais, etc. O ideal sería que nós acadásemos unha representación que nos permita decidir no goberno do Estado. Que previsións faría en canto ó número de deputados que pode acadar o BNG? É a pregunta do millón. Eu creo que ninguén fai previsións, nin sequera o PSOE nin o PP se atreven a facer vaticinios. Parece que o resultado está bastante igualado. O que si din as enquisas e que nós estamos en ascenso, gañamos décimas no conxunto do Estado, o cal indica que o BNG é unha forza en ascenso, e iso é máis importante co resultado ou vaticinar agora o número de deputados. O importante é se tes unha tendencia, e a tendencia é que subimos. Entón é evidente que aspiramos a mellorar a representación que temos. Que cre vostede que vai pasar o 9-M en canto ós dous grandes partidos? Eu creo que as eleccións vainas gañar o PSOE, pero para nós iso non é o fundamental. O fundamental para unha organización nacionalista coma nós é mirar polos nosos intereses, e iso non depende tanto de quen goberne en Madrid, senón de se somos necesarios e de se temos esa representación. Fonte
|