|

A actualidade do Plano Acuícola non dá tregua, e malia que pareza que só falamos deste tema, non pasa unha xornada, e aínda máis en eleccións, sen que ocorra algo interesante. Hoxe erguímonos cunha simpática sesión de maquillaxe para rematar máis que aburridos na grabación da película. Imos por partes. Maquillando o Plan Lanzaba hoxe o PSOE unha pequena modificación de varias das 26 plantas do Plan Acuícola. Supoñemos, e así pensan igual dende as Plataforma Merexenonsevende e Seiruga Limpa, coas que falabamos onte canda o mitin de Touriño en Cee, que estas medidas están pensadas para esas xentes que sen idea algunha do que ocorre co Plan, que diga: mira, que ben este goberno, que escoita as protestas dos veciños. Antonio Devesa, membro da Plataforma Merexenonsevende sinala que esta medida reflicte a incompetencia do goberno, mentres dende Seiruga, Alfonso lembra a mentira que é a modificación. Porque a suposta modificación fala da supresión de 5 plantas e redución de outras 8, cando das 5 plantas, 3 xa non eran aptas, e das 8 reducidas, hai algunha, como é a do cabo C, que tan só se varía nun 4%. Todo depende de como se mire, e comparamos este exemplo co que puxo o director xeral de Acuicultura y Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, que sinalaba que algunha das granxas perde ata un 80 por ciento do volumen previsto. A Plataforma Galiza non se vende recolle, unha por unha, a interesante escolma de pequenas modificacións que presenta esta maquilladora medida electoral, presentada tamén na web de novas da Xunta. "Supresións" Ollando cada modificación, entre as 5 supresións, atopamos que xa se tiñan eliminado do Plan Sectorial do anterior goberno do Partido Popular as plantas previstas en Touriñán (Muxía), Punta Corvos (Ribeira) e Punta do Corno (Camariñas) zonas consideradas Non Aptas por incumprir, principalmente, normativas medioambientais como atoparse en Rede Natura ou hábitat protexido, como perfectamente nos contan dende Galiza non se vende. 3 de 5. As outras dúas que quitan, como nos lembran dende Seiruga, son Couso (55.000 mtrs) e Ardia (26.500 mtrs). Entre as duas non suman a terceira parte da de Seiruga (200.000), ou Camelle (217.000) ou Quilmas (250.000 de ampliación),ou Merexo (270.000 de ampliación) e xa non decimos nada de Laxe Brava (308.000 mtrs). "Redución das Ampliacións"Vaia antítese, non. Entre as que non se van ampliar tanto, atopamos a de Seráns (xa anulada o pasado 11 de febreiro). Atopamos tamén a do Cabo C, que pasa de 78.000 metros cadrados a 75.000, un gran paso. A de Orelludas, en Santa María de Oias, reducirase á mitade, se cadra porque o metro cadrado está a 30 euros. No tocante ás de Merexo e Malpica (das outras 4 non din nada) vemos que se introduce unha referencia a elementos arqueolóxicos presentes neste ámbito (Castro de Punta Sartaña en Merexo e Castr de Entretorres en Seiruga), e as cautelas necesarias para a protección destes elementos. A ver que significa isto. Pero xa houbo que loitar polo menos para que se descubrira, i é que sen o traballo das plataformas este patrimonio xa estaba vendido. A ver como se toman esas medidas no medio da marea negra das piscinas. Así e todo, e como falabamos con Antonio Devesa, de Merexo, e Alfonso de Seiruga, o importante é tirar abaixo o plan. De nada vale que nos quiten a nós pero que vos jodan a vós. Deste xeito, Alfonso apuntaba que como quiten a nosa, e poño a camiseta azul e a seguir na loita. BNG Semella que o BNG sitúase. Limos hai pouco a Suso de Toro no País apuntando un posible varapalo para a que chaman esquerda galega, e que pouco a pouco vai decepcionando ao persoal marchando cara un centro sobreexplotado, onde nada ten que gañar e nembargantes, moito que perder. Malia e todo, hoxe, como sacan en Vieiros o voceiro de Pesca do BNG no Parlamento, Bieito Lobeira, logo de pelotera un pouco a medida, sinalou que aínda que era un “avance” que se tivesen en conta as alegacións tamén era preciso suprimir as piscifactorías de Laxe Brava, A Xandriña, Arou-Camelle e Seiruga. Ben falado, maís, onde está Merexo? disque xa se dá por perdida por ser o berce de todas as granxas, a única onde se dá ben a cría do alevín? Aínda hai moito máis que mollarse. Entrementres, o Plan Galego atópase, nestes intres, á espera do informe de sustentabilidade ambiental que está a elaborar a Consellería de Medio Ambiente. Que o aproben dunha vez! piden dende a Plataforma Seiruga Limpa, e así xa sabemos de verdade contra que loitar. Touriño en Cee Pois aló imos a cando o Presidente da Xunta, máis que nada para ver se di algo do asunto este, que se cadra terá que vendelo peixe na praxa, digo eu. Pois nada. Estaba bastante cheo o pavillón do IES Agra Raíces de Cee, cun despliegue impresionante: medios de comunicacións, luces por todos lados, os peixes gordos todos por alí (Soneira, Porto, Nieves, Boullosa, César Antonio Molina, mesmo Amancia Trillo, vicealcadesa de Cee, que inauguraba a sesión). Todo ben preparado para que non se escoitara o ruido de fóra, onde faltaban os bombos de Malpica, como lembraba Manuel Pazos Redonda, o Tío Manuel, o acordeonista de Merexo que aos 84 anos non perde unha destas. Por certo, que aburrimento, por dios! Porque se dentro había unhas 150 persoas (entre xornalistas e peixes gordos xa daban case a mitade), fóra había outras tantas. Porque ás protestas dos traballadores da fábrica contra o paso do AVE por onda mina de Serrabal (veremos que pasa cando ao señor Villar Mir ofrézanlle unha mellor oferta, veremos que pasa con toda esa xente que agora se está deixando a pel por el), engadíronse, como non, as xentes de Merexo e Malpica. Botáronse en falta as de Quilmas e de Camelle, pero é que non se pode estar todo o día de arriba para abaixo. Con respecto aos de Serrabal o candidato pola Coruña, César Antonio Molina, si que sinalou algo, prometeu que Galicia terá o AVE na vindeira lexislatura, non sabemos que lle pareceu aos traballadores. A Guardia Civil, en bo tono, iso si, xa controlou dende un principio as posibles acometidas dos membros de Seiruga, para que non asaltasen o coche oficial do presi (que xa non o ían facer, pero xa se sabe) que non se ensinou para nada, senón que entro co coche ata a porta do pavillón, saltándose así os ruídos das protestas. Situación laboral en Stolt Sea Farm No medio de todo isto, e gracias á procura de Alfonso da Seiruga, atompamos no Xornalgalicia.es unha interesante resolución sobre as irregularidades que comete a empresa norueguesa con respecto aos seus traballadores. Xa nos lembramos das últimas protestas mesmo dentro da granxa de Quilmas, hai un par de meses, logo do xa declarado nulo, despido de Joaquín Casais Rubio, presidente del Comité de Stolt Sea Farm e afiliado á CIG. Pero non queda aí a cousa. Son 17 os despidos improcedentes nos últimos 4 anos (11 deles tamén do departamento de Hatchery de Quimas, semella que berce da revolución interna, que hai que atallar sen miramentos. Menos mal que logo falamos de postos de traballo, pero se son así, que os colla Rita. Novas relacionadas Máis información Fonte
|