|

Vistabamos a zona de Camelle onde está programada a construción dunha nova piscifactoría de 217.000 metros cadrados. Esta granxa situariase a tan só 3 km doutra nova que se situaría en Arou, pero ambas vilas están en pé de guerra contra o Plan Acuícola. Falabamos con Luis M. Suárez, hosteleiro da zona, que ademais de ser o último candidato polo BGN á alcaldía de Camariñas, é o presidente máis novo da Asociación de Veciños A Pergoliña de Camelle. A asociación traballa agora, entre outras cousas, en manter á vila lonxe das caperuzas verdes (desta volta aseugran que non haberá ningunha clase de impacto visual xa que as boinas das piscinas irán coloreadas) da piscifactoría. Témolos vistos a moitos membros da asociación máis dunha vez nos últimos actos da pasada campaña electoral, así como na manifestación multicolor de Santiago. Eles eran os de verde, e fixeron moito ruido como sinalan na bitácora creada para a loita A xandra non se vende. Comezo das alegacións Luis asegúranos que en Camelle se enteraron tarde e pola prensa dos planes da Consellería de Pesca. Era arredor de novembro cando dende a Asociación, e ante a completa ignorancia por parte dos veciños da zona e mesmo da confraría, se puñan a colleitar información para presentar alegacións, coa axuda doutras plataformas e da asociación ecoloxista da Ponte PX. Deste xeito todas as alegacións foron presentadas fóra de prazo, polas non recibiron resposta algunha, nin sequera de rexeitamento. Agora son uns 300 veciños os que participan na Asociación, mentres a maioría da vila, agás algunha familia involucrada directamente na empresa, sitúase frontalmente en contra da construción da piscifactoría. Marisol Soneira e Bieito Lobeira teñen pasado pola zona para coñecer de preto a realidade. Segundo nos informa Luis, Soneira chegaba avisando de que se non se vendía, habería que expropiar. Pola súa parte, Bieito mostrábase moi receptivo escoitando, paseando e mirando a zona dende todos os ángulos posicionándose frontalmente en contra da construción. Falabamos con Dani precisamente da posición do Bloque ao longo desta campaña no tocante ao Plan Acuícola. Bótase de menos un pouco máis de implicación na causa contra un Plan argallado pola consellería do soe e ante a que deixaron ver máis una posición de abstención antes que de rexeitamento total, malia todo o que nos conten Luis ou Suso Lista. Falamos tamén das palabras máxicas, "os postos e traballo". Luis conta que lle aseguraron que entre as dúas granxas da zona crearanse 50 postos de traballo, dos que a mitade seguramente virán de fora e esos restantes cada vez serán menos gracias a mecanización das granxas. Se faláramos da Refinería da Coruña, con 1.000 postos, da Citroen ou mesmo dun hospital ou unha escola, aceptábamos de cabeza, pero para montar unha piscifactoría dunha empresa privada, dá igual que sexa Pescanova, que Stolt, que Isidro de la Cal, non aceptamos, apunta Luis. El apostaría por unha expropiación total do litoral galego, coma en outros países da EU (Irlanda), co gallo de preservar tan preciado patrimonio, non para vendelo. Patrimonio Se en Merexo ou en Malpica teñen argumentos de sobra para parar a construción por motivos patrimoniais, Camelle tamén esconde os seus tesouros. O único problema é que aínda non están documentados. Varias casas do século XVI están situadas nos terreos onde iría a planta. Hai algunha que mesmo aínda é utilizada como galpón para os utensilios da horta dunha veciña. Unha das casas conta cun forno de pan en perfectas condicións que suporía unha reconstrución fácil e uso como pequeno museo en vivo. Tamén falta un escudo heráldico que foi roubado hai uns anos por algún listo. As casas, entre as que se encontra a do antigo plateiro, sitúanse ao borde da ribeira do coido da enseada de Cuño, que constitúen ademais un Punto de Interese Xeolóxico (P.I.X), no que se situará o desaugadorio da granxa, onde está o máis importante criadorio de nécora, centola, camarón, lagostino, santiaguiño e polbo da zona. O desaugadorio pasará ademais pola Rede Natura, pero xa sabemos que de pouco serve dita calificación. A zona ademais conta cunha morea de nutrias mariñas, tan escasas como andan, malia o que pensen moitos pescadores. Un antigo e encantador camiño de pedra pasa por diante da vella aldea camiño de Traba, pasando polos 180 metros de costa vimiancesa, xa no lugar de Sabadelle, xusto doutro lado das casas. Xa hai veciños que piden que se asfalte o camiño, pero a verdade sería unha pena. Mirando cara arriba podemos ver o petón Pena da Aiga, un par de penedos, colidantes aos Penedos de traba e Pasarela, alá no cumio con forma de camello, que daría nome, nunha desas lendas rurais, á vila. Outra historia sinala o orixe etimolóxico na forma de orella de mar que ten a vila. De aí camafeo, e deste Camelle. Afectados A zona afectada queda á dereita da orella de Camelle, sempre mirando cara o mar, como memos no mapa aéreo. Atravesará ademais o encantador camiño de pedra, ademais da pista asfaltada que se achega ata o último coido camariñán. 3 casas quedarían no medio do mar de piscinas. A casa dun veciño madrileño, tan de Camelle xa como Luis, quedaría rodeada de piscinas (con chapeu verdes, iso si). O mesmo lle ocorre a outro veciño, que ten a casa chea de pancartas contra o rodaballo. A realidade é que ai pouca explotación agrícola, en contra do que ocorre en Merexo, Un par de veciñas coidan as súas hortas, xusto canda as casas. Luis opina que a agricultura ecolóxica pode ser tamén unha posibilidade de futuro, como en Merexo coas cebolas, ou en Quilmas que xa andan argallando unha cooperativa produtora de alimentos ecolóxicos. Proxecto de Pesca Analizamos un pouco o proxecto para ver cales poden os meirandes problemas da construción desta nova granxa. Cabe lembrar que das 7 granxas que hai previstas na nosa bisbarra (Camelle, A Xandriña, Lira, Corcubión, Seiruga, Merexo e Quilmas), 6 contan cun estudio ambiental desfavorable, como é o caso desta da Xandriña. A piscifactoría número 16 do devandito Plano Acuícola sitúase entre os concellos de Camariñas e Vimianzo abrigada polo sur polas formacións montañosas de Sabadelle e Pena Aiga, con cotas que alcanzan os 175 m. Serán 217.000 metros cadrados comezando pegadiño ao núcleo de Camelle absorbendo mesmo 3 casas, a ocupando parte da costa pertencente ao concello de Vimianzo. Usos do solo Están definidos como mato, isto, é matogueiras; en menor proporción aparecen praduarzhm, lenda que corresponde a praias, dunas, areais e rochedos de costa. Clasificación e ordenación urbanística do solo - A)Clasificación urbanística actual:
"Solo rústico de protección de Costas"(NUPL); - B) Clasificación adoptada polo presente Plan sectorial: Proposta de cualificar os terreos de todo o ámbito como de SOLO RÚSTICO DE PROTECCIÓN DE COSTAS aos terreos a menos de 200 da ribeira do mar e SOLO RÚSTICO DE PROTECCIÓN DE ESPAZO NATURAL para o resto. Deste xeito poderáse consturir ata 3,5m de altura, respetando 5 m polas beiras, e construindo como máximo nos 2/3 da superficie total ocupada.
- C) Ordenación proposta: É necesario ter en conta que este parque está preto dunha zona protexida, concretamente o LIC Costa da Morte (Espazo natural en réxime de protección xeral).
ESTUDO MEDIOAMBIENTAL A área de estudo de Xandriña se atópa preto do LIC Costa da Morte baixo réxime de protección xeral, isto é, incluído na "Rede Natura 2000" de Galicia. - A zona costeira da Xandriña presenta unha grande acumulación de cantos rodados e rocha granítica que se interna no mar, moi común en toda a Costa da Morte; os seus máximos expoñentes son os "coídos" da enseada de Cuño que constitúen un Punto de Interese Xeolóxico (P.I.X).
- Fauna: ata 27 especies moran pola zona sendo araos e garzas os máis habituais, aínda que tamén detectouse a presenza ocasional de faisáns e parrulos.
- Flora: especies vexetais e hábitats característicos deste espazo protexido LIC Costa da Morte.
- A zona de estudo enmárcase dentro do IBA COSTA DA MORTE (Important Bird Areas, isto é zona de nidificación de aves.
- O humidal de Camelle, debido á súa proximidade e as súas considerables dimensións, debe ser considerado.
- Non hai apenas cultivos pero a escasos 50 m do litoral péscase en busca de nécora, centola, camarón, lagostino, santiaguiño e polbo e, segundo os pescadores do lugar abundan robaliza, sardiña e xurelo, entre outros. Estes pescadores buscan entre as rochas do litoral de Xandriña pequenos insectos chamados "piolla" que son usados de cebo para a pesca con cana.
Conclusión A propia Ceinsa, realizadora do estudio apunta o seguinte:Consideramos que a área é posuidora de certos valores e méritos de conservación protexidos pola lexislación actual, pero o informe ambiental limítase a expoñelos sen ir máis alá e sen concretar en que grao se verán afectados ao non coñecer a entidade do proxecto nin o xeito en que se pensan acometer as obras deste. Analizando estes estudios só cabe dubidar da súa validez. Se o mesmo estudio ambiental considera que non é o mellor lugar para construir unha industria, pero xa acepta que a súa conclusión non vale para nada, pois daquela, para que se fai? Novas relacionadas Máis información Fonte
|