|
FASGANA é o nome da Asociación Galega de Fotógrafos da Natureza, que ven de organizar o segundo ‘Rally fotográfico pola Costa da Morte’. Fasgana constituíuse o pasado mes de setembro, mais os seus membros xa comezaran a facer quedadas conxuntamente dende hai tres anos. A primeira xornada desenvolveuse hai un ano no Cabo Vilán e Caldeiras do Castro. O obxectivo destes ‘Rallys’ é visitar paraxes naturais dignas de amosar e resaltar, a través da fotografía, os compoñentes máis fermosos que nos ofrece a Natureza. Esta é a razón pola que unha trintena de fotógrafos, cámara en man, acudiron o pasado sábado as nosas terras, que unha vez máis, non decepcionaron aos obxectivos. O nome de ‘rally’ non é sinónimo de velocidade neste caso, pois o obxectivo é pasar unha xornada entre compañeiros, compartir experiencias e aprender uns dos outros. Quilmas e Ézaro O percorrido tivo como punto clave a zona de Quilmas, en cuxa praia pasaron grande parte da mañá. Este areal é coñecido como un dos pouco portos naturais que ten a Costa da Morte, ademais de contar cunhas espectaculares vistas ao mar aberto no que se atopa a península de Fisterra, a Ría de Cee ou as illas Lobeiras. A escena gustou moito entre os participantes, que estaban guiados polo xefe de fotografía de O Acontecer, Marcos Rodríguez. Así o corroboran as verbas de Lupe Bicos, unha das fotógrafas: “Aínda que está un pouco abandonada ou desorganizada, a praia de Quilmas gustoume moito, e sácaselle moitísimo partido a nivel fotográfico”. O segundo destino das cámaras foi a cascada do Ézaro, que conforma a desembocadura do Río Xallas. Non se pode negar que é unha paraxe única en tódolos sentidos, pois non hai outro río en Europa que morra no mar en forma de cascada. Terra de mar e rochas Sen dúbida, a Costa da Morte ten algo que non se atopa en calquera lugar, e que explica moi ben a pontevedresa Lupe Bicos: “a Costa da Morte ten unha luz excepcional. Diferénciase das Rías Baixas porque son augas moito máis bravas e naturais, non se nota tanto a man do home. Vese máis beleza”. Olga Raposo, a presidenta de Fasgana, fai unha dolorosa afirmación sobre esta terra: “é unha zona especialmente bonita, coñécese máis polas catástrofes do mar pero é moi bonita”. Ademais do amplo abano de cores do mar, a Costa da Morte caracterízase polas formacións rochosas, que nos días de mar revolto aguantan estoicas a forza das ondas. A Antonio Martín, outro membro de Fasgana, impáctalle especialmente este aspecto: “sempre recordo unha foto que saquei no Faro Roncudo, unha das miñas favoritas, na que hai unha gama de grises fantástica. É ao que eu chamo a cor galega: mar turquesa, ceo en grises, é o modelo de Galicia. Fotografía con olor a mar.” Aberto a todos Os membros de Fasgana xúntanse por afección e por ocio, malia que algúns sexan fotógrafos profesionais. De feito, non poñen límites na integración de novos participantes, todo o que estea interesado na fotografía da natureza ten un oco entre eles. É de agradecer que se realicen iniciativas deste tipo na Costa da Morte, que xa sendo naturalmente fermosa, canto máis se observa a través das técnicas duns fotógrafos que senten especial aprezo por ela. O resultados xa están colgados na páxina web de Fasgana, e non teñen desperdicio: www.fasgana.org. Novas relacionadas Fonte
|