|
O pleno da corporación celebrado o pasado venres tivo como resultado unha serie de reproches entre os dous partidos integrantes. A causa: as cinco mocións presentadas polo grupo opositor. Faltou o alcalde, José Manuel Pequeño, por atoparse de viaxe promocionando, con outros rexedores da comarca, o Camiño Fisterra-Muxía. A máis polémica foi a que pedía ao PSOE dumbriés que se retiraran unhas acusacións efectuadas no anterior pleno. Estas atribuían ao voceiro popular a autoría dunhas denuncias urbanísticas que pesan “sobre as naves industriais localizadas no Concello de Dumbría” e outros edificios. Aínda que a moción foi rexeitada, con 2 votos a favor do PP e 8 en contra do PSOE, deu moito que falar. Anteriormente os socialistas acusaban a Ramiro Iglesias, voceiro popular, de “ensañamento feroz contra os empresarios do concello”, por investigar a situación de legalidade das naves. O acusado defendíase explicando que as denuncias foran postas por veciños de Dumbría e que o seu grupo está preocupado pola situación “de inseguridade” na que se atopan as edificacións sen licencia. Intervencións O voceiro popular, Ramiro Iglesias, declarou que “o alcalde coñece sobradamente ao denunciante”, e acusou ao grupo de goberno de “crear inseguridade urbanística por deixar construír sen licencia”, lembrando que por esta causa xa se derribaron dúas naves industriais e unha casa” esta última en Buxantes. Pediu que “non se culpe ao PP destes problemas”, e solicitou a rectificación “desas calumnias”, que “se arranxe a situación urbanística” e “que a competencia de urbanismo en Dumbría sexa trasladada á Xunta pola demostrada incompetencia do PSOE”. Na contestación do PSOE léronse, a xeito de proba, varias noticias publicadas en medios nas que se informaba de que o PP dumbriés levara as denuncias ao Congreso dos Deputados no pasado mes de outubro. Tamén se leron os escritos enviados á Mesa do Parlamento nos que o PP de Galicia pregunta á Xunta de se ten coñecemento destas supostas irregularidades. A continuación, o PSOE acreditou a legalidade de dúas das naves aparecidas nos escritos, que “xa teñen licencia e traballan dende hai anos”. Os socialistas declararon que a propia casa de Ramiro Iglesias en Ézaro “se atopa na mesma situación” (enténdase de falta de licencia), pero Iglesias negouno e instou ao grupo de goberno a revisar o rexistro. Xogos de palabras En resumo, por unha parte, o PP pedía que non se lle responsabilizara da autoría desas denuncias, presentadas hai máis dun ano no Tribunal Superior de Xustiza e que chegaron ás súas mans cando comezou no seu posto como voceiro popular. Por outra banda, os socialistas non aceptaron a moción por considerar que levar a proposta ao Congreso é síntoma da “implicación do Partido Popular en tódalas denuncias relativas ao urbanismo en Dumbría”, pero tampouco se pronunciaron en canto á presunta existencia de edificacións en situación irregular. Novas relacionadas Fonte - Novas cedida polo semanario O Acontecer redactada por Paula Nieto.
|