|
 
Os faros teñen sido ao longo da historia un símbolo recorrente nas artes occidentais. Fóra de Galicia temos exemplos como o de Virginia Woolf, que titulou unha das súas novelas ‘Ao faro’. Isto mesmo, levar a cultura aos faros, é o que xa está facendo a Autoridade Portuaria da Coruña. O pasado 13 de marzo presentou un CD con música e poemas galegos baixo o epígrafe ‘Luces no Atlántico’, xunto a un libro co nome de ‘Mascarón azul’. O poeta Lino Braxe e o músico Rómulo Sanjurjo farán unha xeira de presentación destas obras en diversos faros dependentes do organismo herculino, caso dos de Fisterra, Cabo Vilán, Touriñán e Punta Nariga. A Costa da Morte volve así a converterse nun referente cultural de primeira. As datas empezarán a revelarse nos próximos días, pero esta determinado que sexan nesta primavera. O libro e o disco están cheos de relatos e pezas líricas co mar como motivo de inspiración. O obxectivo, segundo a Autoridade Portuaria é “recuperar a relación da cidadanía co seu porto e contribuír á promoción da cultura galega”. Mentres que en ‘Mascarón azul’, título enmarcado na colección ‘El puerto y las letras’, varios narradores e ilustradores “dialogan xuntos para contar estas historias do mar”, no disco “son protagonistas a música e a poesía, grazas á simbiose dos textos de Lino Braxe e as composicións de Rómulo Sanjurjo”. No acto estiveron presentes ambos artistas. Con estas obras preténdese “dar continuidade a esta iniciativa posta en marcha o pasado ano coa obra de poemas do mar ‘O desafío das ondas’. O escenario escollido para a primeira cita foi o faro de Oza, “xa que os faros dependentes da Autoridade Portuaria terán un gran protagonismo nesta acción cultural”. “Estas instalacións, vinculadas dende sempre ás lendas do mar, servirán como sede para a exposición itinerante que se realizará entre os meses de abril e xuño co obxectivo de presentar o CD, así como as ilustracións que acompañan aos textos nos libros de poemas e de narrativa. No caso do disco, a xira terminará na Torre de Hércules, como iniciativa de apoio á candidatura deste faro milenario a Patrimonio da Humanidade”, explicou a Autoridade Portuaria. En canto aos libros de narrativa e poesía da colección ‘El puerto y las letras’, as súas ilustracións exporanse en Fisterra, Cabo Vilán e a Torre de Hercules. Os gravados do libro ‘Mascarón azul’, dos que é autora María Braxe, conviven con textos de Rivadulla Corcón, Valentín Alejandro Martínez, María do Carme Kruckenberg, María Jesús Martínez Martínez, José Luis Méndez Ferrín , Carlos Otero Couto e o propio Lino Braxe. “Tesouros inesquecibles, piratas y vellos mariñeiros desfilan polas páxinas destas historias do mar, mentres que os versos de ‘O desafío das ondas’, ilustrados por Antonio Simón, invitan ao lector a redescubrir as profundidades do océano, coas súas illas misteriosas, os seus faros e as súas lendas da mano dunha ‘tripulación irrepetible’ formada por autores como Manuel Rivas, Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Emma Cruceiro, Estíbaliz Espinosa, Miguel Anxo Fernán Vello, Simón Iglesias, Xulio L. Valcárcel, Miguel Mato, Pilar Pallarés, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Paco Souto o Roi Vidal”, lembra a nota promocional. Fonte
|