|
A presidenta da asociación Amigos do Liño, Carmen Riveiro, presentou o pasado 14 de marzo o programa da vindeira edición da tradicional Comida da Fía, que terá lugar no polideportivo de Baio o 12 de abril. O acto de presentación celebrouse nas Torres do Allo e contou coa presenza da delegada provincial de Vicepresidencia, Tareixa Novo, e do alcalde da localidade, Manuel Muíño. A entidade organizadora conta coa colaboración da Deputación Provincial de A Coruña e do Concello de Zas. Carmen Riveiro explicou que este ano todas as asociacións do municipio colaboraron na organización dos distintos actos. As actividades arrancarán a partir das 13.30 horas cunha demostración de fiado do liño De seguido, ás 14.00 horas, dará comezo un xantar que estará amenizado por música tradicional. As agrupacións de pandereteiras e cantareiras Castro Meda de Zas e Adro de Baio mostrarán as súas habilidades aos asistentes. Logo da comida está prevista a actuación da orquestra Ciudad Cristal, que dará paso a un grande desfile con deseños propios de Dolores Couceiro e xoias da deseñadora Esther Ferreiro. Exquisito menú En canto ao menú da comida, os participantes poderán degustar migas de pan con chícharos, patacas con bacallao, papas de arroz, pan de broa, e viños branco e tinto. Para rematar, café e caña, ademais dunha degustación de troitas da piscifactoría de Isidro de la Cal. Os socios pagarán 12 euros e para os que non o sexan o prezo sitúase nos 15 euros. Pola súa banda, a delegada de Vicepresidencia, Tareixa Novo, destacou a importancia de que todo o movemento asociativo de Zas colaborase coa organización da Comida da Fía. Ademais, sinalou que o departamento da que é responsable sempre apoiará aquelas iniciativas que conteñan “os tres íes”: innovación, identidade e igualdade. Novo tamén apuntou que era a primeira presentación da Comida da Fía que compartía co novo alcalde, Manuel Muíño. Este, pola súa parte, afirmou que para el era unha honra participar na presentación dunha actividade na que sempre colaborou, antes como cidadán e agora como rexedor. Na imaxe vemos de esquerda a dereita: Tareixa Novo, Carmen Riveiro e Manuel Muíño. Fonte
|