Mércores, 19 de novembro do 2008
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte


Advertisement

RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Carnota convírtese no concello que máis gasta da bisbarra nos soldos dos políticos  Correo-e
miércoles, 09 de abril do 2008

O concello de Carnota aprobaba a semana pasada os presupostos municipais para este curso. Entre as novidades está o presuposto incicial, 7.6 millóns de euros, polos 7 millóns de gastos, malia que as inversións reais están tasadas en 1.930.000 €, practicamente a metade que no ano anterior. Contrasta este punto coa duplicación de gastos do concello en soldos e contratacións políticas que pasa 2 a 4 e de 68.000€ a 123.500€.

Deste xeito Carnota convírtese no concello que máis gasta nos seus políticos, por diante de Corcubión, que emprega 112.00 euros. Así e todo, en comparación segue sendo Corcubión o concello que máis gasta nisto por habitante, 56 euros por cabeza nos 4 postos de adicación exclusiva. Mentres, en Carnota, contabilizando os datos do censo do 2004, cada un dos 5.200 habitantes, empregarían uns 23 euros para os soldos dos seus dirixentes. O terceiro concello en gastos por adicación política dos que temos analizado (Carnota, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas), anda entre Dumbría (2 postos, 65.000 € e 16.37 €/habitante) e Cee (3 postos, 104.000 € e 13.89 €/habitante), aínda lonxe.

Nota de prensa do BNG de Carnota

Orzamentos municipais: O doble de soldos políticos, a metade de xestiónImage

Poucas cousas poden resultar máis aclaratorias da postura do BNG ao respecto desta cuestión que comparar os datos derivados da proposta orzamentaria do PP para o ano 2008 cos datos derivados do ano anterior con goberno do BNG:

Como se pode ver no cadro o número de contratacións de políticos duplicouse pasando de 2 a 4, ao igual que o custo dos soldos de carácter político que pasou de 68.000€ a 123.500€. Contrastan esas cifras co dos investimentos previstos que pasaron de case 3.761.000 a menos de 1.930.000 €, practicamente a metade que no ano anterior. Ademais se temos en conta que máis de 900.000 € do presuposto do 2008 (PP) proveñen de xestións realizadas polo goberno anterior (BNG) deixan claro que a capacidade inversora do novo goberno do PP é dunha clara decadencia e de transición á mediocridade, tal e como sinalou o noso portavoz Tomás Freire no Pleno do 4 de abril.

ContrataciónsImage

Por outro lado as novas contratacións de carácter político deixan claro que o Concello non estaba tan arruinado como vén dicindo por activa e por pasiva o portavoz do PP de Carnota. Ditas contratacións non se corresponden en absoluto coa diminución da poboación do concello, nin coa tendencia actual de desaceleración da economía, nin, por suposto, coa inxente supresión de servizos municipais: Eliminan a Escola de Informática, eliminan a Escola de Idiomas, eliminan a ampla oferta de actividades deportivas que existía, eliminan as actividades culturais que se estaban a desenvolver cada ano, eliminan a Galescola... Co único que se corresponden estes datos é coa implantación de novas taxas municipais e co cobro de servizos que antes eran gratuítos: Por decisión da Alcaldía comezouse a cobrar a emisión de certificados, fotocopias, compulsas, actividades como a ximnasia e as clases de baile… co que están transformando a Casa do Concello nunha simple oficina recadatoria. Pero iso si, como «contrapartida» duplícanse os soldos de carácter político.

En definitiva, no BNG consideramos que estes orzamentos son un paso atrás e cortan de raíz a tendencia de progreso dos últimos anos.

Considerando o fondo do pasado pleno suficientemente tratado no apartado anterior, temos que pasar a analizar as formas, e sobre todo os ditos ou feitos de especial gravidade que caracterizaron o desenvolvemento da sesión plenaria.

En primeiro lugar, apréciase unha clara continuidade da estratexia de acoso e derribo aos membros da oposición. Coma exemplo, o punto dos orzamentos no pasado pleno, que o alcalde xa sabía especialmente conflictivo. En lugar de centrarse en explicar a proposta orzamentaria do seu goberno, simplemente deu lectura ao nome do punto, falou durante uns poucos minutos dalgunha cuestión superficial exa deu paso á oposición. Asi, cando o noso portavoz Tomás Freire comezou a desenvolver a postura do BNG ao respecto, comezou a sufrir reiteradas interrupcións, mesmo de corte agresiva, ameazas de retirada da palabra e mesmo descalificativos. Logo o alcalde reclamou a palabra de novo para poñerse a criticar a intervención do noso portavoz. O feito de que o alcalde acapare as funcións de moderador lexitima estas prácticas tan lonxanas da máis mínima cortesía democrática coa oposición, que por certo neste concello representa á maioría dos seus habitantes.

Escolas ou cursillos

Cambiando de terzo, cómpre mencionar certas «argumentacións» que o PP esgrimiu na sesión plenaria. Segundo o PP, «non existían no Concello de Carnota ningunha Escola de Idiomas nin de Escola de Informática». Literalmente din que «non eran escolas senón cursillos». Explicaranlle tamén os do PP aos seus fillos que non fan a ESO, senón «cursillos de matemáticas, inglés, galego, ximnasia, etc...»? Imaxinamos que moitos dos centos de veciños (nenos, maiores, mulleres, profesionais...) que pasaron algunha vez polas ditas escolas botarán as mans á cabeza escoitando isto.

Polo que tamén dixeron, un dos maiores factores que levaron ao novo goberno a liquidar as escolas foi que «eran unha gardería», «cos nenos correteando arriba e abaixo». Habería que preguntarlle aos pais dos moitos nenos que acodían ás aulas municipais estarían dispostos a colocarlle unha correa aos seus cativos para que deixen de «corretear». O que queda claro é que as intencións do PP parecen as de reducir a Casa do Concello a unha peaxe para o veciño, e hai que dicir que xa case o conseguiron.

O alcalde José Oreiro tamén confirmou que pensa retratar a todos os nenos que perciban o particular «cheque-bebé» estabelecido polo novo goberno. Ante as molestias que este feito ocasionou nalgúns deses pais, Oreiro responde: «Sacarei as fotos que queira, e se eses pais teñen algunha queixa ao respecto que mo veñan dicir a min personalmente». Sobran os comentarios.

Competencia

Outro argumento universal é o de "Non temos competencias". Ante as preguntas do BNG sobre se existe algunha liña de traballo destinada a previr o habitual problema dos servizos médicos no verán, ou ao respecto das políticas do monte e loita contraincendios, ou sobre cando se vai encher o novo depósito de auga contraincendios do monte de Lira, a resposta universal é que «non temos competencias». Acaso o feito de non ter a competencia global sobre algunha materia significa que ese problema non exista ou se poida ignorar? Animamos a calquera veciño a reler o programa do BNG de Carnota, e comprobar cantas cuestións de interese veciñal sobre as que non tíñamos competencias globais ocuparon un lugar destacado no noso proxecto de futuro, porque sabíamos que presentábamos un equipo capacitado para levalas adiante. En cambio ao PP, a falta de equipo e programa, só parece preocuparlle aquilo que abrangue unicamente á Casa Consistorial, coma o cobro de taxas, as contratacións directas e a bandeira de España que pendura na porta. Menos mal que este goberno aínda herdou algún proxecto que executar do anterior, senón estaríamos falando neste intre dun ano en branco para Carnota.

Notas dos gráficos:

  • * Administrativo de apoio á alcaldía é unha contratación laboral que só podemos considerar salario político posto que foi efectuada inmediatamente despois das eleccións, sen subvención algunha, sen proceso de selección, e porque parte das súas funcións inclúen, por exemplo, a organización de actos políticos do PP desde a Casa do Concello e en horario laboral. Se ben o alcalde José Oreiro nega o carácter político desta contratación aducindo que a súa función é a de Asesora urbanística; isto non se substenta demasiado tendo en conta que o Concello de Carnota xa conta cunha empresa de asesoramento urbanístico contratada especificamente para ocuparse destas cuestións.
  • ** A diferencia entre o real e o presupostado do cadro inferior débese a axustes do presupostado ao real.

Novas relacioandas

Fonte

 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com