Mércores, 19 de novembro do 2008
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte


Advertisement

RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Víctor García, presidente do ‘Hot Club de Jazz’: “A xente está moi mediatizada á hora de escoitar mú  Correo-e
sábado, 12 de abril do 2008

Víctor García é profesor de música e toca varios instrumentos. O seu traballo desenvólveo de maneira ‘oficial’ cos seus alumnos das escolas do Concello. Parte do seu tempo libre tamén o dedica ás notas e aos pentagramas. Acaba de constituírse o ‘Hot Club de Jazz’ de Laxe para fomentar esta expresión artística na localidade e el é o presidente. Ademais, ten participado e participa en diversos proxectos nos que dá renda solta á súa creatividade. Un dos seus últimos traballos, xunto a Xavier Facal en ‘D-Laxe’, levouno a poder participar nunhas aulas organizadas polo Concello da Coruña con Santiago Auserón como mestre. Falamos con Víctor García sobre o que o ex líder de Radio Futura explicou nese obradoiro e tamén acerca das propostas do ‘Hot Club’

  • En que consistiu o taller no que participou Santiago Auserón?Image

Todo partiu dun certame chamado ‘A Coruña Son’ que se convocou a través da Internet. Moita xente enviou as súas cancións. Dun total de 59 escolleron dez, entre elas a que fixemos Xavier Facal e máis eu como D-Laxe. Grazas a isto pasamos a formar parte do alumnado dun obradoiro de cancións que tivo a Auserón como mestre e se desenvolveu ao longo da pasada semana. Nas conferencias tratáronse moi diversos temas. Na parte teórica falouse dende á música da antigüidade ata a era da Internet. Na práctica preparamos a actuación do venres en Palexco na cal todos presentamos ao público as nosas cancións. O festival saíu moi ben e fixemos moi boas migas con Santiago Auserón. É un tipo excepcional, humilde, apaixoado e nada despectivo, ademais dun ‘currante’. Era sempre o primeiro en chegar e o último en marcharse.

  • Cre que iniciativas como esta axudan aos músicos?

Dende logo que si. Isto foi organizado pola Concellería de Cultura da Coruña xunto con Algarada e trátase de algo moi importante para dar a coñecer aos novos valores da música feita en galego. Tamén valeu para estreitar lazos entre estes músicos, algún deles xa ben coñecido, como é o caso de Tonhito de Poi.

  • Como valora a actuación das administracións a este respecto?

Neste caso, moi ben. Fíxose con moito criterio, traendo a un músico e compositor prestixioso e dispoñendo as instalacións de Palexco para darlle un uso construtivo. Estivo todo moi ben organizado. Aínda que todo ao final teña un fin político e sexa difícil illar unha cousa da outra cando están administracións por medio, hai que valorar esta iniciativa. Eu aplaudo esta proposta.

  • Cales son os principais obxectivos do ‘Hot Club de Jazz’ laxense?

Principalmente, levar adiante o festival ‘Atalajazz’ para que se poida facer todos os anos e arriscar en cada edición para traer cousas de nivel. Tamén queremos, dalgunha forma, educar musicalmente á xente. En xeral, as persoas están moi mediatizadas polas radiofórmulas e a televisión. A proba evidente é o trunfo do ‘Chikilicuatre’, aínda que non sei se é algo feito precisamente como protesta ante un tipo de música. Nós queremos ir contra iso, contra a mediatización da xente- Pretendemos aportar máis alicientes musicais para a xente de Laxe e para os turistas que veñen no verán nas datas do festival, ao tempo que aproveitamos os recursos naturais da vila, xa que as actuacións fanse ao aire libre.

  • Cando detectaron a necesidade dunha asociación como esta?

Xa hai tempo que o levábamos pensando. O ano pasado tivemos unha primeira experiencia positiva coa colaboración do Concello. Agora tócanos ser algo máis independentes, malia contar con certo apoio oficial. Queríamos facer algo máis serio dentro do jazz, xa que en Laxe xa hai asociacións de folk, por exemplo.

  • Cales son os músicos de referencia do ‘Hot Club’?

Miles Davis, John Coltrane... Dentro do jazz hai moitos campos distintos e moitos artistas importantes. Dende logo, Miles Davis é unha referencia dentro do jazz e de toda a música contemporánea.

  • Cando se verán os primeiros resultados do seu traballo?

Hai unhas semanas celebramos unha festa de captación de socios e a verdade é que xa somos uns cantos, entre eles o alcalde. Supoño que finalmente veremos plasmada a nosa actividade na segunda edición do ‘Atalajazz’. A partir de aí pensaremos no noso futuro. Agora andamos co tema dos grupos que van vir ao festival, que aínda non o temos nada claro. Queremos cubrir varios estilos. Que non veñan, por exemplo, catro grupos de jazz clásico e nada máis. Como xa dixen, dentro do jazz conviven moitas clases de música.

Fonte

  • Novas cedida polo semanario O Acontecer redactada por Luis Soto.
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com