|
O Delegado Provincial da Consellería de Política Territorial, Alberto González, visitou este luns o municipio para se entrevistar cos veciños da Ribeira de Cerqueda, que comprende os lugares de Loroxo, Algadán, A Lagoa e Ceán. O obxectivo era manifestar a posición desta consellería con respecto á construción da ponte de Aldeola e as obras da estrada Buño-Malpica, que causaron unha protesta dos veciños a comezos de decembro e que aínda segue a día de hoxe. Alberto González manifestou o seu apoio para que a obra sexa acometida pola Consellería de Medio Rural, tal e como se determinara en anteriores reunións, xa que se trata dunha zona de concentración parcelaria, competencia da consellería de Suárez Canal. Mabel Varela, membro da plataforma veciñal da Ribeira de Cerqueda, non deu transcendencia ao encontro, xa que aínda non se saben os resultados nos que derivará o asunto, mais afirma que “non vai traer nada bo”. Os veciños manifestaran que co anterior trazado de construción da estrada, o lugar quedaría dividido en dous sen pasos a nivel, polo que os veciños terían que desprazarse máis dun quilómetro para facer un percorrido que agora lles leva dez minutos. Segundo explicou Mabel Varela, membro da plataforma veciñal de Cerqueda, a Consellería de Medio Rural xa presentou tres proxectos posibles, dos que se escolleu o que a priori parecía o menos prexudicial para os veciños. Aínda así, Varela afirma que “evidentemente téñennos que compensar igual”, e indica que polo momento non hai nada definitivo. Na reunión deste luns, o alcalde malpicán, José Ramón Varela, mostrou o seu apoio para que a construción da ponte “sexa unha realidade o máis pronto posible”, e solicitou ao delegado de Política Territorial a realización de “beirarrúas para a saída de Malpica ata Piñeiros, así como o acondicionamento da estrada desde o cruce de Buño-Xornes ata o remate do termo municipal e outras melloras na estrada Buño a Malpica”. Fonte
|