|

Esta semana achegámonos a Malpica de Bergantiños, concello polo que incomprensiblemente aínda non pasáramos cos nosos recunchos. E amosamos a beleza da preciosa Punta Narigha, como lle din por aí, da man de varios especialistas no asunto. Un é Alfonso de Seiruga (súa é a terceira imaxe, feita dende a mar), e do par de bitácoras que coida, unha onde reflicte a beleza De barizo e outra da Plataforma da Seiruga Limpa. Tamén botamos man de dous xefes da fotografía, como son Pau e a súas Fotos da Costa da Morte, e o noso vello coñecido Marcos Rodríguez, que por certo, está expoñendo en Arteixo a súa "Costa da Luz" ata o 5 de maio. A visión de Pau xa se nota, e a Marcos vémolo na portada. Hai diferencia entre a fotografía dun servidor e de xenteexperimentada, verdade? O Faro da Punta Nariga foi realizado polo arquitecto pontevedrés César Portela, vello coñecido da nosa bisbarra, tras realizar obras tan curiosas como o cemiterio de Fisterra. Inaugurado no 1997, a base simula a proa dun barco, í é que Portela sempre vai máis aló da mera estética e a simboloxía está detrás de cada obra. Como chegar Partimos xa de Malpica, ata onde saberemos chegar, xa saben dende Carballo pola AC-414 ata Buño e de Buño a Malpica. De aquí tiramos cara Barizo, deixando primeiro o lugar de Beo. Para chegar a Barizo mesmo xa temos que coller un desvío no lugar de Campelo á dereita e de aí podemos tirar en dirección noroeste buscando o desvío do faro. O ben, pódese non entrar en Barizo, e dende Mens facer o recorrido que simulamos debaixo partindo do sur. Porque dende o sur tamén podemos chegar. Partindo de Ponteceso, collemos o desvío na praza cara a esquerda para ir pola costa cara Malpica. Seguiremos esa estrada durante poco máis de 7 queilómetros, deixando á dereita o impresionante castelo de Mens, de propiedade privada. Aí collemos o desvío á esquerda, desta volta, cara Mens. Ao entrarmos na aldea collemos ata a Igrexa er tomamos un desvío cara a dereita que nuns 350 metros remata na estrada que vén de Barizo. Aí, atentos, que en 100 metros xa hai que coller a pista cara á esquerda e cara arriba que nos leva directos ao faro. Outros recunchos Vídeos de Francisco Santiago lópez Outros vídeos Fonte
|