|
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes licitaba, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 29 de abril de 2008, as obras de acondicionamento da estrada AC-433 que vai dende Laxe ata a conexión coa estrada Vimianzo-Camariñas (á altura do cruce de Recesindes), ao longo de 12,6 quilómetros. Estes traballos saen a concurso por 3.515.934,19 euros e un prazo de execución. A esta cantidade hai que engadir outros 917.000 euros que irán destinados ao pago das expropiacións. As obras adecuaranse ás características do tráfico en cada treito, creando variantes e incorporando beirarrúas nas zonas xa urbanizadas e respectando ao máximo a paisaxe nos treitos con menos circulación. Contando co tráfico e coa paisaxe As obras que acometerá Política Territorial terán en conta tanto as características do tráfico que circula por esta estrada como os condicionantes urbanos e paisaxísticos da zona, moi accidentada. Así, nos treitos nos que está previsto un maior volume de tráfico, que se corresponden coas zonas urbanizadas entre Laxe e o cruce en Soesto coa estrada provincial que comunica con Baio, realizaranse correccións de trazado e variantes que eviten no posible as travesías actuais. Estas variantes terán dous carrís de 3,5 metros de ancho e beiravías de un metro. Tamén terá un tratamento específico a entrada a Laxe, na que se incrementarán o número de aparcadoiros e ampliaranse e prolongaranse as beirarrúas. Estas actuacións suporán unha importante mellora tanto para os condutores como para os peóns, proporcionando unha maior seguridade viaria a ambos e reducindo os tempos de percorrido. Por outra banda, nos treitos onde a intensidade de tráfico é menor, entre a estrada provincial e a estrada Vimianzo-Camariñas, a mellora da vía realizarase procurando reducir ao mínimo as afeccións á paisaxe. Nestes treitos melloraranse os firmes, as drenaxes, as marxes e as incorporacións á estrada sen modificar o trazado actual. Nestes treitos a estrada contará con dous carrís de tres metros e beiravías de un metro. Fonte
|