|
Disque a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes traballou no día de onte, 29 de abril de 2008, coa nosa bisbarra de cheo na orde do día. Deste xeito, ademais de aprobar as obras de acondicionamento da estrada Laxe-Ponte do Porto, e o novo espigón do porto de Malpica, vén de convocar o concurso de ideas para a construción do futuro parador de turismo de Muxía. Onte mesmo, a CPTOPT publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio da convocatoria deste concurso, de ámbito internacional e carácter restrinxido, para a selección dun anteproxecto do novo edificio. Lemos por aquí que os criterios de selección sona experiencia e calidade contrastada, os premios e distincións obtidas no exercicio da profesión así como outros méritos contrastados. Ademais, terán en conta ás medidas sinaladas na Declaración de Impacto Ambiental, debendo, polo tanto, respectar os criterios de integración paisaxística esixidos. A ver ata que punto é isto posible. Vemos na fotografía unha vista dende o Corpiño, dende onde podemos atisbar a zona do parador ao fondo á dereita, por riba da praia de Lourido. Así e todo, agardamos que a nova obra (non podería terse acometido, ao igual que co albergue, a rehabilitación dunha desas casas de pedra da vila que se están a derruir no casco vello?) sirva para dar un novo impulso económico ao sector hostaleiro da zona, cun turismo de calidade que de seguro deixará cartos nos establecimentos de Muxía e de toda a bisbarra. Semella unha posta segura, con todo, xa que carencia que hai na bisbarra de establecimentos hoteleros de calidade é clara. Nota de prensa da CPTOPT - As Consellerías de Política Territorial e de Innovación asinaron un protocolo para financiar a partes iguais o concurso.
- Poderán optar todos os arquitectos e equipos de arquitectos que o desexen, dos cales serán seleccionados cinco que deberán aportar un anteproxecto.
- O xurado do concurso, como órgano colexiado, elixirá ao gañador en función dos criterios establecidos no prego de condicións.
- O Instituto de Turismo de España será o encargado de promover a obra, que suporá un investimento de 20 millóns de euros.
Con esta actuación, o Goberno galego ratifica o seu compromiso coa Costa da Morte, unha zona que é obxecto de especial atención por parte da Xunta de Galicia e que se plasma en importantes investimentos para contribuír á súa dinamización. De feito, o concurso de ideas do parador de turismo é un paso previo e necesario para facer realidade unha obra que contribuirá a revitalizar o turismo na Costa da Morte ao ofertar instalacións hoteleiras de alta calidade nunha zona onde existe déficit deste tipo de servizos. Ademais, esta é unha das actuacións contempladas nos plans de excelencia e dinamización turística encamiñados a acadar o reequilibrio territorial. A convocatoria do concurso para o proxecto do parador de Turismo quedou plasmada nun protocolo de colaboración asinado entre as Consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e de Innovación e Industria, co fin de asegurar o papel estratéxico que representa o turismo para o conxunto de Galicia e, moi especialmente, para a Costa da Morte. Ambas Consellerías financiarán a partes iguais o custe deste concurso de ideas, mentres que o Instituto de Turismo de España (Turespaña) será o encargado de promover as obras en base ao proxecto que saia elixido no concurso. Procedemento do concurso O concurso convocado segue o procedemento restrinxido, isto é, o xurado realizará unha primeira selección de entre todos os arquitectos que presenten solicitudes. Así, segundo se establecen nas bases do concurso, na primeira fase poderán presentarse todos os arquitectos ou equipos de arquitectos que o desexen nun prazo de 15 días a partir desta publicación no DOG. Posteriormente o xurado, como órgano colexiado, seleccionará -en función dos méritos e logo de comprobar os seus requisitos de capacidade e solvencia- a cinco concursantes que serán invitados a participar na segunda fase do concurso coa presentación dun anteproxecto (para o que dispoñen dun prazo de 45 días). Entre estes cinco finalistas o xurado elixirá a mellor proposta e encargará ao seu autor ou autores que elaboren o proxecto do novo parador. Dotación económica A Xunta de Galicia destina un total de 180.000 euros en premios para este concurso de ideas de xeito que o autor do anteproxecto gañador, ademais de ser o encargado de elaborar o proxecto definitivo (por un importe de 400.000 euros) recibirá un premio de 90.000 euros. Outorgaranse tamén premios de 60.000 euros ao segundo clasificado e de 30.000 euros ao terceiro. O xurado O xurado estará formado polo seu presidente (o cargo de director xeral de Urbanismo), oito vogais (dous representantes da Consellería de Política Territorial, dous representantes da Consellería de Innovación e Industria, dous técnicos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, un representante do Concello de Muxía e outro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), un representante da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e outro da Intervención Xeral da Xunta. Criterios de selección Para a selección dos arquitectos na primeira fase do concurso, o xurado valorará a experiencia e calidade contrastada, os premios e distincións obtidas no exercicio da profesión así como outros méritos contrastados. Os traballos presentados deberán cumprir coas indicacións recollidas no proxecto sectorial aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de novembro. Así mesmo, deberá prestarse especial atención ás medidas sinaladas na Declaración de Impacto Ambiental e, polo tanto, respectar os criterios de integración paisaxística esixidos. Datos técnicos O investimento estimado para a construción do parador de turismo de Muxía ascende a 20 millóns de euros. Segundo o prego de características técnicas establecidas no concurso, o futuro parador contará con 90 habitacións, dous comedores, varios salóns, ximnasio e spa-talasoterapia. A superficie total da actuación será de 120.000 m2 entre as instalacións propiamente ditas, o aparcamento cuberto e os espazos exteriores nos que se disporá dunha zona de estacionamento, piscina, xardíns e bosques. Fonte
|