|
O BNG de Vimianzo está pasando casa por casa informando das novidades no tocante ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. Isto é, en que terreos de Vimianzo o concello vai permitir edificar e en cales o vai prohibir. Así comeza a carta do que Portavoz Municipal do BNG que o seu grupo entrega casa por casa, co gallo de informar das liñas principais que caracterizan o avance do PXOM acordado polo PP e o PSOE, das principais alternativas que propoñen os nacionalistas, e do dereito dos cidadáns a seren informados polo Concello ao respecto deste asunto. Semella algo non moi habitual pero si moi eficaz, isto de ir casa por casa informando a cada veciño, i é que esta era da internet non chega a todos por igual e hai moita xente que vive tranquilamente sen a dependencia que nos trae esta dictaduratecnolóxica, que lle din por aí. O BNG de Vimianzo fará entrega de 3.000 cartas, que son moitas. Antelo asegura que Mentres outros agochan o PXOM, nós informamos casa por casa. O BNG quéixase de que a maioría dos núcleos rurais non contarán con terreos urbanizables, ademais de que preto de 800 casas das parroquias vimiancesas van quedar fóra da legalidade urbanística, como ocorre en Fisterra, onde a se presentaron case que 1.000 alegacións. Antelo considera que o novo terreo urbanizable, que a maioría era solo rústico, vai favorecer a uns poucos e que o resto do concello, a maioría da pboación vaise ver perxudicada. Antelo fai un chamamento tamén aos empresarios, gremio que considera que tamén sae danado do novo PXOM, pla dificultade que haberá agora a elixir un lugar onde mercar unha vivenda. Nota de prensa do BNG de Vimianzo O BNG de Vimianzo informa por carta a todos os veciños sobe o PXOM Nestes días está chegando por correo a todos os fogares de Vimianzo unha carta do Portavoz Municipal do BNG onde se informa das liñas principais que caracterizan o avance do PXOM acordado polo PP e o PSOE, das principais alternativas que propoñen os nacionalistas, e do dereito dos cidadáns a seren informados polo Concello ao respecto deste asunto. ”Mentres outros agochan o PXOM, nós informamos casa por casa”, di Manuel Antelo. Con este motivo remitíronse dende as oficinas de correos preto de tres mil cartas informativas, co obxecto de que non quede unha soa casa de Vimianzo sen a información do BNG. Pasou máis dun mes dende que a empresa redactora entregara o avance no Concello. Só o BNG fixo público os contidos que coñece do avance, así como as súas propostas. Mentres o PP e o PSOE están ocupados en intentar que non se coñeza nada do PXOM, creando un clima de desconfianza e sospeita que cada día que pasa faise máis extenso. “A Sra. Borbujo e o Sr. Rodríguez Lema son os responsables do avance do PXOM e do seu ocultamento”, di Manuel Antelo. Os nacionalistas de Vimianzo están preocupados pola actuación do Alcalde e da líder do PP, quen estes días comparten con un reducido grupo de amigos os contidos do avance do PXOM que esconden do conxunto da cidadanía de Vimianzo. Hai moitas reunións na casa do concello, na sede do PP e noutros sitios onde un grupo de privilexiados ten acceso á información do PXOM que se lle nega ao resto dos veciños. “A Sra. Borbujo e o Alcalde queren un PXOM para uns poucos”, di o Portavoz nacionalista; “o BNG só apoiará un PXOM que beneficie a todos os veciños”, engade Manuel Antelo. Os nacionalistas insisten en que se faga público o avance do PXOM na web municipal. “Pasado máis dun mes dende que remataron os documentos do avance non é xustificable mantelo oculto aos veciños de Vimianzo”, di Manuel Antelo; “calquera veciño ten dereito a ser informado sobre o PXOM”, engade o Portavoz do BNG. Este é precisamente outro dos puntos centrais da carta que os nacionalistas están facendo chegar a todos os fogares de Vimianzo. Fonte - Nota de prensa do BNG de Vimianzo, da man do seu Voceiro, Manuel Antelo.
|