|
Reúnese a Comisión de Pesca hoxe, luns 5 de maio de 2008, no Parlamento de Galicia a partires das 10.30 horas. Segundo nos conta o voceiro de Pesca do PPdG, José Manuel Balseiro Orol, o seu partido solicitará un consenso acuícola a través da retirada do Plan Acuícola, facendo fincapé na supresión do parque nº 17, radicado na localidade de Seiruga (Malpica de Bergantiños). Dito parque non estaba contemplado no Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria elaborado polo Executivo Autonómico do PP no ano 2005. Analizando os motivo que expón voceiro de Pesca do PPdG, no que estamos dacordo ao cento por cen, cabería pensar que o PPdG está en contra da maioría das plantas porque case todos os emprazamentos das piscifactorías son o que lle din unha zona de especial interese natural, de grande riqueza paisaxística e medioambiental, e de gran potencialidade turística. Balseiro fala da fauna e da flora do entorno, e fala tamén do castro da Galiana, vestixio arqueolóxico que tamén hai onda a zona de ampliación da piscifactoría de Merexo, por exemplo. Así, o PPdG solicita claramente que se retire o Plan Galego de Acuicultura, e que se non, que polo menos se suprima o parque número 17 de Seiruga. A ver se fan caso. Na imaxe de abaixo vemos a zona onde irá o parque, onde a dñia de hoxe aínda se traballa a terra. Nota de prensa do PPdG O PPdeG SOLICITA A VOLTA AO “CONSENSO ACUÍCOLA” A TRAVÉS DA RETIRADA DO PLAN DE ACUICULTURA ELABORADO POLO BIPARTITO Os populares entenden necesario restablecer o diálogo con todos os axentes implicados no desenvolvemento das granxas de cría e engorde de peixe no noso país, de tal xeito que o novo mapa acuícola cumpra coas expectativas do sector e poda contar co respaldo social necesario. En todo caso, o PPdeG propón a supresión do emprazamento acuícola que o plan do bipartito sitúa na zona de Seiruga, en Malpica de Bergantiños, por entender que é prexudicial desde o punto de vista medioambiental e patrimonial. Os populares poñen de relevo a alta oposición social acadada polo proxecto do Goberno bipartito e emprazan ao BNG a actuar con valentía e apoiar a súa proposta “para devolver o sentido común ao mapa acuícola galego”. Carta á Mesa do Parlamento Exposición de motivos: O Plan Galego de Acuicultura,promovido polo actual dirixente da Consellería de Pesca e Asuntos Mariños, contempla os espazos destinados para a construción, ampliación ou futuro emprazamento de granxas dedicadas á cría e engorde de pescado -piscifactorías-. O novo plan eliminou unha serie de parques acuícolas baseándose en motivos ambientais, sociais, etc... con respecto do contemplado no Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria elaborado polo Executivo Autonómico do PP no ano 2005 e paralizado, de xeito imprudente, tras o acceso ao Goberno da Xunta de Galicia do PSOE e mais do BNG. Malia o expresado, o plan do bipartito, inclúe novos emprazamentos entre os que se atopa a creación do parque situado no lado leste da enseada de Esteiro, nas proximidades aos núcleos de Beo e Seiruga, que está a promover un importante conflito cos veciños afectados pola súa implantación e coas organizacións ecoloxistas. O polígono de Seiruga, número 17 do Plan, reserva 200.000 metros cadrados para a creación deste proxecto, situados todos eles no termo municipal de Malpica de Bergantiños. Hai que dicir que a posta en marcha deste parque podería supoñer, en opinión das organizacións ecoloxistas e veciñais, un grave prexuizo para esta localidade, por canto afectaría a unha zona de especial interese natural, de grande riqueza paisaxística e medioambiental, e de gran potencialidade turística. Xunto a isto, non podemos esquecer que coa creación dun novo parque se podería poñer en perigo o ecosistema do entorno, unha flora e fauna con moi distintas especies obxecto de especial protección contra a londra, e afectaría irremediablemente a un área de garnde interese patrimonial por canto nas proximidades da futura piscifactoría se atopa o castro de Galiana, un vestixio de enorme importancia arqueolóxica dado a súa localización particular: á beira do mar. Con todo, a exposición máis contundente xorde dun importante colectivo de veciños que. afectados pola creacións deste parque acuícola, están a reivindicar que se atendan as súas reclamacións. E polo que, o Grupo Parlamentario Popular entende necesario aprobar a seguinte PROPOSICIÓN NON DE LEI EN COMISIÓN: "O Parlamento insta á Xunta de Galicia: - Primeiro.- Que se retire o Plan Galego de Acuicultura, elaborado polo Goberno bipartito, e se restableza o diálogo pertinente, de tal xeito que o novo mapa acuícola cumpra coas espectativas do sector e poda contar co respaldo necesario. - Segundo.- Que no seu caso, se suprima do actual Plan Galego de Acuicultura elaborado polo Goberno bipartito, o Parque número 17 emprazado na localidade de Seiruga (Malpica de Bergantiños)." - José Manuel Balseiro Orol.
- MAnuel Santos Ruíz Rivas.
- Carlos Negreira Souto.
Segue o debate en directo a través da web do Parlamento de Galicia. Fonte
|