|
Continúan os problemas na bisbarra de comunicación. As avarías na liñas da macroempresa Telefónica non cesan, e as conexións de internet e das liñas RDSI seguen fallando. Así, dende a noite do pasado domingo 4 de maio ata onte ás 10:00 da mañá, a Radio Nordés non podía emitir por problemas de dita liña. Ao longo da mañá, ademais, houbo pequenos cortes, suficientes para que os oíntes tiveran tempo para cambiar de emisora. Dende o programa matinal do "Vivindo a Costa da Morte", que dirixen Susana Albite e Fran Hermida sudecéronse as denuncias e para coñecer o problema dende dentro falaron co responsable da CIG na empresa. Xosé Luis Sande falaba da posible causa dos continuos problemas coas liñas: a falta de persoal. Segundo Sande, a empresa pasou nuns anos de 75.000 traballadores aos 30.000 actuais, e contando con que o volume de clientes sobe e sobe (só hai que ver cantos teléfonos ten agora cada empresa), a media de tempo que leva a reparación é moito máis grande. Sande denunciou que dende o comezo do proceso de privatización, o modelo empresarial de abaratamento de costes por medio da redución de persoal, vía Expedientes de Regulación de Emprego e xubilacións, ademais de subcontratación e externalización está provocando un claro deterioro do servizo. Telefónica sempre a responsable Sande informaba da típica pregunta que xorde cando temos un problemas coa liña. Aquí na Costa da Morte, a maioría dos traballadores están subcontratados pola empresa Mantelnor, de xeito que moitas veces Telefónica dá largas ante as protestas dos veciños, acusando a dita empresa. Sande lembrou que se nós pagamos a Telefónica, as reclamacións han de ser a Telefónica e as solucións terán que vir de Telefónica. O que semella claro é que a empresa subcontratada Mantelnor nunca é a responsable das deficiencias do servizo. Ademais, se os problemas son en varias liñas é probable que os problemas veñan da central e non das delegacións e dos traballadores da zona. Zonas máis perxudicadas Sande apuntou o problema que temos na bisbarra ao sermos unha zona de baixo interese estratéxico. Isto implica que ante a falta de persoal, os problemas tardaranse máis en solucionarse, en tanto que se consideran máis importantes os das cidades. A pouca inversión na nosa bisbarra é un dos problemas que hai para o desenvolvemento das nosas comunicacións. Solucións O delegado da CIG sinala que a empresa necesita unha aposta de futuro para ofrecer un servizo de calidade. Para elo, terá que contar con persoal propio, ben formado e con boas condicións laborais, e cambiar o rumbo de abaratamento de costes que mostra unha mala viabilidade da empresa nos vindeiros anos. A ver cando dá chegado R Non vai ser a panacea, iso seguro, pero polo menos, a chegada do operador galego de comunicacións por fibra óptica R á bisbarra, entrando por Vimianzo, fará que o señor Telefónica conte por primeira vez con competencia, e se cadra, terá que poñerse as pilas para corrixir este servizo insuficiente. Novas relacionadas Fonte
|