|

O pasado sábado 3 de maio de 2008 levouse a cabo a II Limpeza da praia de Nemiña. Unhas 20 bolsas ben cargadiñas de lixo foron recollidas nunha horiña de traballo ben organizado, entre as 25 personazas que acodiron á encantadora iniciativa. Mesmo o remolque de Protección Civil non deu feito, e tivo que deixar varias bolsas para o domingo. Dende os organizadores do Clube de Surf Os Tombos, e trala pedazo de campaña promoción da xornada, contaban con algunha man máis, pero o importante é que a bisbarra vaia vendo modos sostibles de convivencia co medio natural, e de como se pode disfrutar do noso entorno ao tempo que o coidamos. Falamos precisamente desa cabicha, ou dese envoltorio de albal do bocata, que, sen reparar en nada, olvidamos baixo a area. Tamén falamos, e así nolo conta Rubén (Blog Surf Costa da Morte), un dos organizadores, da cantidae de plásticos que veñen da mar. Semella que aqueles que viven do mar, ás veces son os que menos se preocupan por el, con esa mentalidade de que o mar é deles. Chapapote tamén había, malia que non tanto como na limpeza de febreiro, cando recollera ata 70 quilos de galletas de crú mesturado con aea. Desta volta, disque as mareas enterraron o chapapote, porque, como ben sinala Rubén, quedar, queda, e moito. Churrasco e surf Logo de apañar ata o último palito de chupachús, os 25 integrantes da expedicións desprazábanse á praia fisterrá de Mar do Rostro, que estaba bastante ben para surfear. Un churrasquiño, uns caféses, unhas olas e moita latreca ata case ás 0:00 da noite, conversando e disfrutando de boa compañía ó pe dun bo lume. Unha xornada ben apañadiña, que de seguro se repetirá, se cadra, por outros areais da bisbarra. Dende o Clube de Surf Os Tombos queren agradecer a colaboración de todos os voluntarios: Felipe García Rodriguez (Trun), Aitor Zulaica, Alex Mesías Senra, Alfonso García Mata, Carlos Mesias Lema (Mesi), David Rueda, David Wassan Mosteiro, Esteban Froján, Estefanía Caamaño, Ester López, Juan Alonso, Manuel Caamaño, Mario Lagoa Graíño, Michi Barqueiro, Óscar Prieto Aranjo, Pablo Touriñán Baña, Perre, Rebeca Pérez Marín, Rodrigo Vales Fortes, Salvia Varela Losada, Suso Lema Marcote, Uxío Domínguez Castro e unha parella non anotada. Graciñas a todos por amosarnos a tratar o noso entorno con cabeciña. Novas relacionadas Fonte e máis información
|