|
O grupo municipal socialista (PSdeG-PSOE) de Fisterra quere unha senda verde polo litoral do concello. Así o mostraba o seu voceiro, Juan Fco. Boullosa Marcote nunha moción presentada ante o Pleno da Corporación Municipal hai unha semana. A senda percorrería toda a costa, dende Estorde, na costa Este, ata a praia de Lires, na oeste, enlazando cos paseos marítimos existentes. Esta nova iniciativa melloraría sustancialmente as infraestruturas do turismo natural en Fisterra. Vemos, e cada día que se achega o verán máis, a marea de turistas que veñen, por exemplo, coa casa a costas (véxase roulotte) e coas bicicletas na parte traseira. Hai unha demanda clara dunha infraestrutura así, por onde os visitantes e os propios veciños da bisbarra, poidan disfrutar do litoral fisterrán (particularmente o fisterrán pero tamén o resto de concellos costeiros poden tomar nota) en bicicleta ou a pé. Este proxecto vén de antigo, en concreto, do mandato de Ernesto Ínsua entre os anos 1995 e 1999. O PSOE de Fisterra quere que esta infraestrutura se realice conxuntamente coas administracións central e autonómica pola súa importancia. Solicitude Boullosa cre que é necesario polo tanto escomenzar urxentemente a realizar un estudo de por onde debe ir dito trazado, aproveitando ó máximo os trazados antigos existentes, para a súa recuperación e onde non sexa posible, negociar cos propietarios para o seu consentemento. Así, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Fisterra, solicita os seguintes acordos: - Que o goberno local de Fisterra, adopte as medidas oportunas cos técnicos correspondentes, para poñer a disposición da Xunta de Galicia e do Goberno Central de Madrid a través da Dirección Xeral de Costas (Demarcación de Costas de Galicia) o trazado polo cal debe transcorrer dita senda peonal, así como calquera outro trámite necesario para a consecución de dita obra.
- Remitir este acordo así como a vontade manifesta deste Concello para a aceptación de dita senda do litoral, ó Enxeñeiro Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, D. Rafael Eimil Apenela.
Novo blog Dende o pasado mes de abril o PSdG-PSOE de Fisterra ten un novo blog. Fisterraprogresista.blogspot.com, que ten unha vida envexable, analiza a ctualidade da bisbarra, sempre dende o punto do vista do grupo dirixido por Juan Fco. Boullosa Marcote Fonte
|