|
Onte, martes 13 de maio de 2008, a Consellería de Medio Ambiente anunciaba o inicio do expediente para declarar os Penedos de Traba e Pasarela, espazo paisaxístico natural protexido. Dende moitos puntos de vista esta denomicación vese como unha vitoria do Patrimonio e da loita contra a destrución do medio ambiente. Así o entenden os "Amigos do Penedos", que nos envían este texto de abaio. Pero esta vitoria non está tan clara para outros. Así o pensa o alcalde de Vimianzo, Alejandro Rodríguez Lema, quen onte se manifestaba na Radio Nordés en favor da preservación da natureza e contrario á esquilmación, pero en favor do traballo. O alcalde do PSOE considera a empresa que se ía instalar aí ía crear, xa de principio, 50 postos de obreiros, e ía xerar riqueza na zona. Por isto, Rodríguez Lema vai pedir unha compensación económica á Xunta. Pola súa parte, Carlos Aymerich, deputado do BNG, sinalou que agora hai que continuar ocn esta posta en valor e coa dinamización económica das parroquias de arredor. Camiñando entre Penedos Moitos miles de anos antes da existencia das parroquias, comarcas e concellos no que hoxe coñecemos como Pasarela (Vimianzo) e Traba (Laxe) a familia dos Penedos ergueu alí o seu fogar. Entre eles sempre houbo harmonía e democracia porque un penedo era igual a un voto nas asembleas. Non tiñan inimigos nin preocupacións. Onte mesmo escoitaron falar dun novo virus mortal para as pedras chamado a peste das canteiras. Houbo varias reunións nas que os dous portavoces autorizados, Pena Forcada e Torre da Moa, coincidiron en que debían vacinarse axiña para se chegaba o virus que non fixese estrago ningún. Hoxe hai festa rachada. A celebración é para recoñecer que a vacina funcionou perfectamente desque se inxectara o 15 de marzo de 2006 por medio dunha proposición non de lei pola que se instaba á incoación do expediente de declaración dos Penedos de Pasarela e Traba como espazo natural protexido. Pasaron dous anos e agora a Dirección Xeral de Conservación da Natureza inicia o procedemento de declaración da paisaxe protexida que recoñecerá por medio dun decreto da Xunta de Galicia o que todos os veciños da contorna saben desde nenos: que os penedos teñen un valor singular, estético e cultural que os fai merecentes dunha protección especial. A Costa da Morte avanza e progresa cando vai da man do medio natural. Se somos quen de recoñecer que “os penedos non son só pedras que se poden esnaquizar” entón estaremos diante dun vieiro cheo de futuro. O escenario singular de Pasarela e Traba simboliza o comezo dunha nova sensibilidade que substitúe o desprezo polo aloumiño sincero. - MANUEL SUÁREZ SUÁREZ: Coordinador de “Amigos dos Penedos da Costa da Morte”.
Novas relacionadas Fonte
|