|

O colectivo Escoitar.org, co seu Paseo Sonoro do proxecto "Fonotopías de Galicia, sons en perigo de extinción", ofrécenos recapacitar e disfrutar do son como patrimonio cultural. Deste xeito, e cunha orella ben grande, andan á procura dos sons máis característicos do país, dende o fluir das augas dun río ata as badaladas da catedral de Santiago. Desta volta, os membros do colectivo pasaron pola parroquia de Salto, en Vimianzo para rexistrar, cunha gravadora portatil Zoom H2, cos micros en polaridade de 120 grados, o O Son dos batáns, outro son en perigo de extinción. Os artistas do colectivo xa pasaran pola Costa da Morte, e grabaran da man de Suso Lista, Nacho Muñóz, José Ramón Varela entre outros, a forza do mar e do vento e o traballo dos percebeiros de Corme e do Roncudo. Esta vez pasaron por Vimianzo, polo río Grande, onde os Batáns do Mosquetín volven ser protagonistas, logo de ter saído o pasado mes de abril nun DVD editado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Un batáns que a verdade é que están ben rexentados pola Asociación Neria e que conta cun horario de apertura bastante aberto para visitar. Escoitar.org Preciosa iniciativa esta a levada a cabo polo colectivo Escoitar.org, unha comunidade en rede aberta cuxas actividades pincipais son, entre outras, a conservación da memoria sonora de Galicia e a Posta en valor do patrimonio cultural inmaterial. 
Sen necesidade algunha de xustificar o proxecto, (xa está xustificado só con escoitar un minuto de natureza) o colectivo explica a razón pola que se achegou ata Salto: A recollida dos sons do batán ven xustificada pola inexistencia de produción industrial actual destas maquinarias, o que unido a existencia de poucos exemplares en Galicia, fai que atopar un batán funcionando seña bastante complicado. Dos poucos que existian en funcionamento, hoxe en día non se puido atopar ningún que continue en produción, e os que se atoparon, foron restaurados en datas recentes, e algúns deles presentan algunha deficiencia de funcionamento. Daquela, e dado que xa non son de utilidade produtiva, é razoable pensar que toda a imaxe sonora artellada en torno a estes aparellos e as actividades relacionadas, estean en perigo de extinción, e polo tanto, señan susceptibles de formar parte das fonotopías de Galicia. Obradoiros  O colectivo dedícase tamé a ofrecer obradoiros relacionados co mundo do son e a acústica. Temas como a Paisaxe Sonora, as Técnicas de Gravación de campo ou a Arte Sonora son dos máis recurrentes. Sería ben interesante que dende os concellos da bisbarra, comezando polos directamente afectados Ponteceso e Vimianzo, trouxesen a este grupo de artistas a compartir todo o seu coñecemento. Aquí está o formulario para contactar con eles. Nota de prensa sobre o traballo nos Batáns
Escoitar.org publica un traballo sobre as sonoridades dos batáns. Escoitar.org, dentro do seu proxecto de Fonotopías de Galicia, vén de publicar un novo traballo de investigación tratando sobre as sonoridades que se poden atopar nos espazos onde antigamente había algún batan funcionando. Un batán era un tipo de maquinaria industrial, normalmente construída en madeira, que actualmente está en desuso e que era empregada para tupir tecidos aproveitando a forza de tracción das correntes de auga. Actualmente este tipo de aparellos case teñen desaparecido por completo, dado o desuso no que entraron a partires da segunda metade do século XX, non quedando en Galicia ningún que continúe en produción. O traballo recolle as sonoridades dos batáns que se atoparon no conxunto etnográfico dos Batáns do Mosquetin no concello de Vimianzo, e no batan de Santa María de Mezonzo, no Concello de Vilasantar. Anteriormente a súa publicación, non existía ningún traballo de características parecidas, i representa un punto de comezo para evitar a perda das sonoridades dos batáns. O traballo e todos os seus contidos poden ser consultados de balde na web do colectivo escoitar.org. Ademais, esta publicado baixo licenza creative commons, de xeito que pode ser libremente utilizado e distribuído por calquera persoa ou entidade que así o desexe. Publicáronse versións en Galego, castelán e inglés, do traballo, que se enmarca dentro das actuacións levadas a cabo por escoitar.org ao abeiro do proxecto "Fonotopías de Galicia, sons en perigo de extinción", parcialmente financiado pola consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e que persigue o rexistro, estudo e conservación de sons en perigo de extinción no territorio galego e que pretende, entre outros obxetivos, a incorporación do son ao patrimonio cultural inmaterial do país, ou o estudo da identidade nacional a través da acústica dos seus espazos e xentes. Escoitar.org é unha comunidade en rede aberta cuxas actividades pincipais son, entre outras, a conservación da memoria sonora de Galicia e a Posta en valor do patrimonio cultural inmaterial, especialmente o relacionado coa cuestión aural. Ven desenvolvendo distintas actividades dende o ano 2006, que abrangan dende gravacións de campo, ata seminarios e talleres, incluíndo tamén a realización de conferencias e de ciclos de cine. Forma parte do Proxecto-Edición (CGAC, MARCO e Fundación Luis Seoane) e atende a unha das liñas de investigación do Grupo de Investigación DX7 Tracker da Universidade de Vigo. Máis información Novas relacionadas Fonte
|