 A mancha branca das margaridas silvestres, vai comendo o monte da Ermida, estendéndose como a marea, pero ca diferenza que a súa merma, non sucede o mesmo día, senón que acontecerá pasadas varias semanas. Soio fai falta ter ollos para darse conta de estas cousas que suceden ano tras ano, estación tras estación. Ollos, e vista. Por que a vista, aínda sen ollos, pode máis ca os ollos sen vista. Moitas veces, incluso vendo, facemos e actuamos como se nada do que está sucedendo fose real, ou como mesmo sendo real, cremos e autoconvencémonos, de que non é a nós, a quen esas cousas van a afectar. Sucede isto cas guerras, cas fames e cas desgrazas que no mundo abundan. Tamén sucede, coas inxustizas e as tribulacións que os nosos veciños de rúa de pobo de país, soportan moitas veces, sendo nós, como din que son as avestruces, que non querendo ver, enterran a cabeza. A raza humana, ten superado esta actitude da avestruz, e nin sequera necesitamos enterrar a cabeza ou pechar os ollos para non ver o que non queremos. Para iso temos o cerebro máis grande do reino animal; non para axudar a outros que o necesitasen, senón para discorrer tódalas formas posibles de xustificar a ausencia de axuda, ou para sacar algún tipo de partido de esa axuda que debería de ser desinteresada. Porque nos deberíamos de dar conta, que, precisamente o desinterés na axuda prestada, é o verdadeiro interés, xa que contribúe directamente a que no futuro, as cousas malas e as inxustizas, vaian pouco a pouco desaparecendo. Sei que isto que digo non é mais ca un soño, pero eu, acostumbro a soñar cos ollos abertos mais ca con eles pechados, con estes ollos que agora están vendo, como a mancha branca das margaridas silvestres van avanzando polo monte da Ermida. Columnas anteriores
|