|
Os oleiros de Buño poden presumir dun galardón máis. E non se trata dun premio calquera. Na nómina de agraciados coas Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes figuran persoeiros da talla de Daniel Barenboim, Jorge Semprún, Antonio Banderas, Luz Casal ou Marisa Paredes, entre outros. A medida, aprobada no Consello de Ministros o pasado venres, foi acollida con entusiasmo pola Asociación Oleira de Buño. O seu presidente, Antonio Pereira, declaraba a súa “satisfacción” e o “orgullo” que lle producía “compartir a medalla con artistas deste nivel”. Ao tempo, agradecía o apoio mostado polo ministro de Cultura, César Antonio Molina. A este respecto, Pereira subliñou o compromiso de Molina: “É moi gratificante recibir un recoñecemento tan grande dun ministro galego e coruñés como este, que coñece á perfección a Costa da Morte e a olería de Buño, xa que ten moitas pezas en casa i é moi afeccionado”. Desta forma, o presidente de Oleira non dubida de que a intervención do ministro puido ser fundamental. Dez anos de traballo O responsable de Oleira, que tamén forma parte da Corporación Municipal, cre que o galardón é “un pulo moi importante para o labor da asociación”, que leva “dez anos traballando na promoción e difusión da cerámica de Buño. Ao tempo, lembra a labor feita por anteriores colectivos como Fumeiro: “Este é un oficio tradicional, que aprendemos dos nosos avós e bisavós. Todos fixemos moito para que pervivira e algúns ata tiveron que aturar graves crises. Nós tomamos o relevo e isto reafírmanos”. Agora agárdase que se incremente aínda máis o interese por estas pezas de artesanía. “Os que xa nos coñecían nos verán con outros ollos, e os que non sabían de nós empezarán a interesarse”, explica Antonio Pereira. A Deputación paga A Deputación da Coruña, da man do seu presidente Salvador Fernández Moreda, anunciou que asumirá o 50% do coste da XXV edición de la Mostra da Oleiría de Buño. Uns 60.000 serán aportados pola administración tralo convenio firmado pola mesma co alcalde de Malpica, Ramón Varela Rey. Mostra de Encaixe Tamén anunciaba o pasado venres a Deputación o convenio co alcalde de Camariñas para aportar cartos para sufragar os gastos (uns 120.000 euros) da pasada XVIII edición de la Mostra do Encaixe de Camariñas, que malia non ter sido un éxito rotundo, segue a ser un referente da artesanía da Costa da Morte e de Galicia. Máis información Fonte
|