|
A Asociación Xuvenil Cherinkas de Vimianzo entregou esta pasada fin de semana os premios do V Certame de Relatos Curtos con motivo do día das Letras Galegas. Dende a organización móstranse moi agradecidos a todos os participantes. Os galardoados, que serán premiados cun diploma acreditativo e a conseguinte dotación económica, na categoría de maiores de 16 anos, foron os seguintes: - 1º premio: Xulio Romero Suárez (Arteixo): "Sopramocos a cincuenta francos";
- 2º premio: Rocío Leira Castro (Cee): "O tren dos versos podres".
Pedimos perdón de antemán ao vencedor Xulio Romero, pero queremos felicitar primeiramente a nosa ceense Rocío Leira que segue a gañá premios alá por onde pasa. Xa deben andar polos 100, xa que esta semana gañaba varios novos co gallo das Letras Galegas, e hai unha semana contabamos o premio que acadaba en Nigrán. Aquí deixamos constancia da capacidade da nosa escritora favorita. "O tren dos versos podres", de Rocío Leira As túnicas da miña alma treman no solpor fráxil. O mar bravo de Fisterra bate nos xeonllos das rochas, pétalos de margaridas murchos polas aldraxes recibidas. Conxugo en pasado os verbos da miña vida. Os meus beizos lapidados sementan as últimas verbas no trono das tempas. Os dedos fráxiles tamborilean na mesa do baleiro, mentras a tolemia espilida latexa nos meus miolos. Suicidio. Morte. Pasadizo inexcrutable entre o pasado e a eternidade infinita. Acoro nos meus propios medos, debruzada sobre os despoxos da miña vida rachada. Ferve a desesperación nos meus poemarios esquencidos, mentras as queimaduras do mar agardan a miña canseira sonámbula. Mares de cólera asulagan a miña alma. A estas horas xa deberon atopa-la carta. Os meus garabatos fican impresos na blancura espida do papel, como tatuaxes esquizofrénicas de lamentos agonizantes. Pendurados das gorxas mudas balancéanse os meus últimos desexos, afogan as terminacións verbais dos meus sentimentos. Exhalei os derradeiros suspiros con aroma a despedida. Esnaquicei o corazón en cada unha das palabras daquela carta, que como navalladas sutís, baterán nos miolos dos que un día que amaron, tornándose en aloumiños zalameiros para todos aqueles que non foron quen de facerme feliz. Xúrovos que non foi premeditado. Foron as gadoupas da infelicidade que petiscaron con alevosía os anacos feridos da miña pel. Foron os pinceis sinistros do destino, que racharon cos seus brazos o ventre espido deste lenzo que forma o meu ser. Ser doente, que bule no inferno, balanceado polas gadoupas dos “satanases” que atormentan a existencia. O psiquiatra nada puido facer. O certo é que non lle deixei facer nada. O zume do veleno corrompeu os meus cabelos. Xa era demasiado tarde. Quero borrar tódalas lembranzas. Mergullalas na pureza destas augas fisterrás. Purificar os fotogramas das miñas vivencias. Volverme pura, núa de estigmas, baleira de maldade. As miñas pálpebras destilan silencio. Contraste armonioso co sorriso do mar, preñado de murmurios imposibles de silenciar. Personalidade bipolar. Así o chamaban. Pobres necios narcisistas que xamais chegaron a coñecerme. A miña mente anfibia tornábase demasiado complexa para a simplicidade das súas débiles cabeciñas. Uns escasos minutos sepáranme da miña ansiada meta, e poderei por fin estrangular as faíscas cínicas que aínda rebulen da miña vida pasada. Quedarán hematomas no mar, cando me acaricien as rochas. Deixarei impreso o fedor do meu sangue nestos cantís salvaxes, como xeroglífico intemporal, naúfrago do tempo. Os versos esnaquizados da miña vida, as letras desteñidas dos meus anos, perdurarán nos vosos recordos, para torturarvos eternamente. Bebo da miña propia forza interior. Vouno necesitar. Esquezo o espellismo que algún día foi o teu amor (o meu asasino implícito), (a man que me turra cara ó baleiro, que me empurra, co meu consentimento). Devecía por darche un último abrazo, pero o derradeiro bico de Xudas, non foi quen de saír dos meus beizos. Destilei os meus mellores sorrisos contigo. Os mellores momentos da miña vida estaban asinados por ti, antes de que esmagaras os meus soños. Borro da miña carteleira o teu nome, Xulián. Os teus bicos xa os queimei moito antes. Nen as cinzas gardei. Ganchillei con elas noites de loucuras xordas. Aturuxo as últimas badaladas, antes de que me masacren as areas deste deserto de morte e esquencemento. Marexada forte nas miñas veas. Melodías ateigadas de salitre podrecen o meu corpo, (gardaespaldas dos duros penedos que pronto me van arrolar). Os últimos recunchos de vida fican esmorecidos, incólumes. Sempre fun poeta e non deixarei de selo. Versos tortos, podres. Silencio. Fin. Novas relacionadas Fonte
|