|
Logo de tantos problemas e de tantas pugnas pola consecución desta importante infraestrutura entre 3 concellos da zona, Santa Comba, Vimianzo e Zas, este último foi o elixido na provincia da Coruña pola súa posición central na Costa da Morte, unha área que na actualidade non dispón do servizo. Esta ITV –que estará situada no polígono de recente creación– atenderá un parque de vehículos de 26.000 unidades das comarcas de Xallas e Terra de Soneira e das poboacións de Fisterra e Bergantiños, e permitirá ademais captar vehículos que até o de agora tiñan que desprazarse á estación de Sabón. O aumento do parque galego de vehículos no país e na zona foi unha das causas polas que a Xunta toma a decisión de abrir 4 novas estacións, entre as que se atopan, ademais da de Baio, unha en Vilalba, outra e Xinzo de Limia e a última en Bueu. Nota de prensa da Consellería de Innovación e Industria FERNANDO BLANCO ANUNCIA A CREACIÓN DE CATRO NOVAS ITV EN BAIO, VILALBA, XINZO DE LIMIA E BUEU - O conselleiro nacionalista avanzou tamén a posta en marcha dun túnel de frío, que será o segundo do Estado, e doutras 3 estacións móbiles para ciclomotores.
- O titular de Innovación e Industria cifra en 4,5 millóns o investimento previsto nas actuacións para mellorar e completar a rede galega de Inspección Técnica de Vehículos
> Santiago, 22 de maio de 2008. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, anunciou hoxe en rolda de prensa a posta en marcha de catro novas estacións de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) nas localidades de Baio (Zas), Vilalba, Xinzo de Limia e Bueu, o que permitirá mellorar o servizo que presta a actual rede galega, integrada por 19 estacións fixas e outras 6 móbiles que suman un total de 67 liñas de inspección. Ademais, segundo avanzou o conselleiro nacionalista, crearase tamén un túnel de frío para dar servizo aos vehículos frigoríficos e isotérmicos e outras tres novas estacións móbiles para atender ás necesidades dos ciclomotores, posto que a partir do vindeiro 1 de xaneiro estes estarán obrigados a pasar a inspección. Neste sentido, as estacións actuais tamén serán adaptadas para poder ofrecer este novo servizo. O total de investimento para estas novas infraestruturas ascenderá a 4,5 millóns de euros que serán financiados pola empresa concesionaria Supervisión e Control. As catro novas ITV fixas contará cun orzamento conxunto de 2,5 millóns e a previsión é que a súa construción finalice en sete meses logo de obtida a licenza urbanística correspondente. O túnel de frío, cun orzamento de 1,5 millóns, estará listo en 9 meses logo tamén da obtención da licenza, mentres que as tres estacións móbiles para inspeccionar ciclomotores comezarán a funcionar ao longo deste ano, cun investimento de case 500.000 euros. O titular de Innovación e Industria explicou que para as catro estacións fixas de nova creación, unha por provincia, tívose en conta o aumento do parque galego de vehículos, que medra a un ritmo anual do 3%, así como o aumento da demanda tanto nas grandes cidades como en vilas e nas pequenas poboacións, que reflicte un medre do 3,5% anual no número de inspeccións realizadas (923.000 en 2007, cun nivel de ocupación das liñas do 84% da súa capacidade). Tomando como punto de partida esta análise, na provincia da Coruña seleccionouse Baio pola súa posición central na Costa da Morte, unha área que na actualidade non dispón do servizo. Esta ITV –que estará situada no polígono de recente creación– atenderá un parque de vehículos de 26.000 unidades das comarcas de Xallas e Terra de Soneira e das poboacións de Fisterra e Bergantiños, e permitirá ademais captar vehículos que até o de agora tiñan que desprazarse á estación de Sabón. Na provincia de Lugo a nova ITV situarase en Vilalba, concretamente no polígono industrial da vila, tendo en conta os 30.000 vehículos existentes na comarca da Terra Chá e as poboacións achegadas do Eume, Meira e Lugo. Fonte
|