|

Que nome tan bonitiño este da Mexadoira, e que explícito. Hai outras caídas de auga polo país adiante con este nome, como a Mexadoira ou Auga Caída que hai na parroquia de Caión, en Mañón, preto de Ortigueira. Pero non imos tan lonxe para desfrutar dun pequeno salto duns 5 ou 6 metros aderezados cunha rocha varada nun coído entre Mar do Rostro e Lires, desta volta do lado de Fisterra. O pequeno salto chámase Mexadoira ou Mixirica, e o regato cae directamente ao mar. Disque a fervenza do Ézaro non é a única de Europa que o fai, daquela. Seica, ademais, que os veciños usan as augas como ducha natural e non dubidan en afirmar as súas propiedades para o mantemento do cabelo. Non sei se curará da calvicie, pero ben agradable si que está a duchiña, iso asegurámovolos. Podemos ver a fermosa rocha que semella un barco varado no coído. E vendo a de chapapote que queda polas rochas do coído diríamos que foi un petroleiro o que afundíu. Como chegar Dúas rutas e dúas excursion diferentes pasan pola Mexadoira. Podedes vir polo Rostro. Dende esta fermosa e tranquila praia, con marabillosas dunas para disfrutar da praia sen moito vento, podedes subir cara o norte e achegarse por un carreiro ata o roteiro de Lires que chega á Mixirica. Son 5 minutos os que leva dende o aparcadoiro máis ao norte do Rostro ata o lugar. Tamén podo facer o roteiro de Lires, que parte da igrexa que hai antes de cruzar a ponte da lagoa. Por aí comezas o camiño polo interior do monte, chegas á costa un par de veces para pasar polas pequenas praias do Areal pequeno e Areal grande, e sigo tirando ata chegar á Mexadoira. Hai unha boa tirada, un hora e media mínimo, pero ben merece a pena. Para voltar pódese facer polo mesmo roteiro, con algunha pequena variante difícil de atopar, i é que mesmo nos poucos sitios onde hai sinalización de rotas, como este caso, un pérdese igual. Cando miraremos aos noso veciños asturianos e tomaremos nota de como se fan estas cousas? Outros recunchos Vídeos de Francisco Santiago lópez Outros vídeos Fonte
|