|
Xa non é que non salten de alegría ante unha das mellores novas dos últimos tempos no que se refire á protección do patrimonio, é que en Vimianzo consideran un agravio a calificación dos Penedos de Traba e Pasarela como espazo paisaxístico natural protexido. Así o recalcaron estes días dende o concello, que xa aprobou no pleno a solicitude dunha compensación económica de 1,2 millóns de euros para o propio concello e outros 1,2 millóns para os veciños, ademais dun plan de desenvolvemento da paraxe ,que conte coa participación de Vimianzo no mesmo. Na votación abstívose o BNG, que considera a declaración "unha lotería", non un problema como a vén dende o PSOE e o PP. Na bisbarra óense voces de vitoria dende moitos puntos. Que se os Amigos dos Penedos, que se o grupo ecoloxista da Ponte do Porto PX e mesmo o alcalde de Laxe. Pero seica dende o concello pensaban que a canteira sería unha mellor solución. Máis alegacións Non quedan aí as protestas do grupo municipal. O PSOE apoiado coma sempre polo PP, vai realizar sendas alegacións ás Normas do Hábitat Galego e para pedir a paralización da ITV de Zas. Das Normas do Hábitat non nos parece de todo mal, malia que pensamos dende aquí que logo de tantos desastres urbanísticos que se levan realizando polo país adiante, un pouco de control dende as administracións para ordenar a construción viña ben dende hai 20 anos. No tocante á ITV, pensamos o mesmo de sempre. Os problemas de rivalidades entre concellos continuarán a ser un escollo para que os proxectos máis importantes se leven a cabo na bisbarra. Aceptemos que a ITV vaia para Zas, malia que, como sinala Carmen Borbujo, a presencia do BNG en Zas e a aceptación de Manolo Antelo, voceiro do BNG en Vimianzo, foran importantes na decisión. Aceptémola e solicitemos entre todos que outras infraestruturas veñan a Vimianzo e para outros puntos da bisbarra. Pero entre todos, vendo que a ITV de Zas vai ser un beneficio para toda a Costa da Morte, non só para ese concello. Baixa da edil do PSOE A edil Lourdes Pérez Espasandín presentaba a súa baixa voluntaria no grupo do PSOE. A concelleira, que xa non votara no asunto do pasado xoves da Casa da Cultura asegura que discrepa do seu partido en temas como a discriminación de membros do grupo, coa destitución de Nieves Lema; a subida abusiva de impostos, a xestión da Casa de Cultura, o avance do PXOM, ou a política de crispación municipal. Segundo a ex-concelleira, o alcalde ten un pacto co PP. O alcalde, Rodríguez Lema, non se sorprendeu da nova, e se preguntou se o BNG estaría polo medio desta decisión, fomentando o transfuguismo en Vimianzo. Rodríguez Lema asegurou que se presentará as eleccións do 2011. Novas relacionadas Fonte
|