|
Xa hai día en Corme para a celebración da famosa Festa do Percebe do Roncudo, que finalmente ser o sábado 12 de xullo. Sen embargo, este ano haberá algúns cambios respecto a citas anteriores. A nova dirección na confraría de pescadores implica tamén un “cambio de filosofía” nos festexos. Así, o novo patrón maior, Manuel Cousillas, avanzou que o obxectivo é “facela como era a festa antiga”. Así, descartaranse as racións pequenas e os precios elevados que, segundo o patrón, teñen dominado as últimas edicións, o que achacan a que a organización recaía nunha empresa externa chegada das Rías Baixas. Este ano Cousillas asegura que se volverá ás empanadas, ás pulperías “e ao noso percebe”. O obxectivo do patrón maior é “que sexa unha festa na que todo o mundo o pase ben e na que os prezos sexan alcanzables”. Estas decisións tomáronse a pasada fin de semana nunha xuntanza convocada a proposta de Cousillas e á que acudiron entre 30 e 40 percebeiros que apoiaron os cambios de xeito unánime. Recadar fondos Ademais, a nova organización implica que os percebeiros serán quen recollan o molusco, o preparen e o sirvan na festa. O obxectivo é recadar fondos para paliar a mala situación económica do pósito cormelán. “A confraría de Corme non a podemos deixar desaparecer”, recalca Cousillas. Doutro xeito, para a celebración da festa tamén espera atopar a colaboración do Concello de Ponteceso coa concesión dalgunha axuda económica. En todo caso, a confraría xa comezou a dar pasos para que todo sexa un éxito. A primeira destas zancadas douse xa esta semana, coa contratación dun vixiante que teña a zona ben controlada, “non só para loitar contra o furtivismo, senón para ir tendo conta dos quilos de percebe”, puntualiza Cousillas. É só unha máis das medidas que van adoptar os percebeiros “para sacalo adiante”, remata o patrón. Novo blog da XVI Festa do Percebe do Roncudo A organización acaba de abrir unha bitácora co gallo da festa. Nela se poden ver as novidades deste ano. Así, a festa contará coa orquestra Almirantes, haberá pulpeiras do Carballiño e o pregoeiro será Jacinto Parga, presidente de Portos de Galicia. Máis información Fonte
|