|
O Concello de Laxe dispuxo hai pouco menos de medio ano o servizo Laxe Emprego. Este quere ser “o punto de referencia no municipio entre as persoas que buscan emprego e os empresarios e empresarias e así, dar reposta as necesidades do mercado laboral da localidade”. Así o expón a orientadora laboral, Mari Carmen Varela, que desexa facer un chamamento aos empregadores (responsables de compañías que precisan de traballadores) para que se poñan en contacto con Laxe Emprego para xestionar a incorporación dun dos usuarios do servizo. “Se es empresario ou empresaria e buscas traballadores ou traballadoras queremos axudarche. Por iso, podes poñerte en contacto co Servizo de Emprego e, nun breve prazo de tempo, enviaríamos candidatos que estean interesados nese posto de traballo e perfil profesional requirido na oferta. Contamos con profesionais dedicados a xardinería, persoas do servicio doméstico e limpeza, administrativos e administrativas, enxeñeiros e enxeñeiras,... ata persoas de compaña para a terceira idade”, explica Varela nun escrito. Laxe Emprego tamén salienta que os candidatos pasan por varias entrevistas persoais. “A atención personalizada é fundamental no desempeño do noso traballo”, explica. Esta é unha entidade colaboradora do Servizo de Orientación Laboral. A Consellería de Traballo pon en marcha un sistema de orientación laboral basado na información, orientación e procura activa de emprego, para mellora-la ocupación das persoas desempregadas. Outras posibilidades O servizo Laxe Emprego dispón periódicamente talleres e obradoiros para preparar aos candidatos de cara ao seu futuro laboral. Recentemente celebrou un de iniciación á informática e outro de busca de traballo. “Se xa tes a túa empresa constituída podémosche informar sobre as axudas de interese para a túa actividade e para a contratación de traballadores. Se tes unha idea empresarial traballaremos conxuntamente en plasmala nun proxecto analizando a viabilidade deste, colaborando na elaboración do plan de empresa, amosando un inventario xeral das axudas e subvención que mellor se axustan á iniciativa e proporcionando o apoio necesario para a súa tramitación. Tamén se ofrece asesoramento sobre as modalidades de contratación e as súas subvencións e información sobre as distintas formas xurídicas para constituír a empresa”, engade a responsable do programa. Fonte
|