|
A Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega) non para de realizar actividades e de propor solucións ante os problemas do sector pesqueiro. Non só se ocupan de limpar as nosas rías, senón que están pola concienciación dende abaixo. Estes días, Luis Rodríguez, tesoureiro da asociación, anda de arriba para abaixo realizando charlas de concienciación nos colexios da bisbarra. Onte, mércores 4 de xuño, visitaba o CIP Praia de Quenxe de Corcubión e hoxe desprázase a Fene, Ferrol, onde pola mañá estará cos rapaces e pola tarde cos maiores. Dá gusto ver como hai cousas que dende a nosa Costa da Morte nacen e traballan con sentidiño, e que dende todo o país vexan que aquí tamén temos capacidade de reacción e podemos dar boas alternativas. É a primeira vez que a asociación amplia as súas funcións, pero consideran moi positiva esta nova laboura de concienciación. Así, segundo nos apunta Luis, onte había nenos de 3 a 8 anos, e a verdade é que responderon moi ben, estaban moi atentos, fixeron moitas preguntas, así que seguro que algo lles queda. Os cativos miraron o vídeo das xornadas da limpeza, que incluía varias escenas submariñas. Non perederon ollo. Ademais, aí é onde poden ver que cousas que outras veces ven por aí como o máis normal, non son tan boas. Propostas Non queda aí a actividade da asociación. Alén de limpar e concienciar, Asoar-Armega tamén propón. Ante a imperante crise do sector pesqueiro propoñen a creación urxente dunha Mesa Global e Conxunta da Baixura Galega, que inclúa todos os organimos implicados nos problemas da mar. A mesa contaría coa presencia das Consellerías implicadas: Pesca, Medio Ambente, Traballo, de organizacións do sector, dos tres partidos políticos e dos sindicatos. Por que a situación está realmente complicada. Como nos conta o propio Luis Rodríguez, a baixura galega atópase nun momento de espera, entre pinto e valdemoro. Por exemplo falabamos coa confraría de Arou, e alí tamén agardan novas da federación. Mañá, venres 6 de xuño, chega a flota do Gran Sol e de seguro que haberá un paro forte. Hai outras confrarías que pararán, como pode ser Muxía. Polo país xa hai varias pechadas como Muros, Ribeira, Burela e Celeiro. O asunto é que as reivindicación da baixura e da altura son ben distintas. Na baixura, o prezo do gasóleo non é o problema fundamental, senón que a baixada dos prezos do peixe é o máis preocupante. Non fican os problemas da baixura que se poderían negociar na hipotética Mesa Gobal que propón ASOAR-ARMEGA, como son os coeficientes redutores, a subida dos impostos, ou os trámites burocráticos, cada vez máis incómodos para, por exemplo os barcos de máis de 10 metros. Agora en vez de traer peixe da mar traemos carpetas. Unha morea de problemas que acosan á economía da baixura e que deberían ser analizados entre todos os entes implicados. Nova xornada de limpeza Para este sábado 7 de xuño, será a zona a Fisterra para irlle limpando un pouco a cara, ou os fondos, máis ben. Se na última limpeza na ría de Corcubión chegaron a 80 os voluntarios participantes, esta semana agárdase que o número chegue a 100. Nunca sobra a xente para limpar. Nota de prensa da ASOAR-ARMEGA Valoración e alternativas de futuro para a situación actual da pesca de baixura A Asociación de Armadores de Galicia ASOAR-ARMEGA despois de realizar as correspondentes asambleas cos seus afiliados e analizar as diversas alternativas que se están a dar arredor da profunda crise que vive o noso subsector da Baixura, quere manifestar públicamente a súa valoración e propostas de actuación que concretamos en tres apartados : A) Valoraión da crise actual A actual situación que esta a vivir a pesca de Baixura en Galicia pódese caracterizar por catro elementos determinantes : - A.1.- É unha crise plurisectorial que afecta en maior ou menor medida aos diversos subsectores: Pesca de Baixura artesanal, Pesca de Litoral semiindustrial, Pesca de Altura e gran Altura industrial;
- A.2.- É unha crise multifactorial pois comprende, afecta e presenta problemáticas específicas nas diversas áreas da actividade pesqueira da Baixura Galega : Costes, Productividade, Sistemas e Artes de explotación, Rendabilidade e Poder comercializador e de formación de prezos..etc.
- A.3.- É unha crise que se está a dar nun periodo de inicio dunha importante crise económica global que dificulta a normal subsanación dalgunha destas problematicas;
- A.4.- Que na medida que nos próximos meses se profundice a crise económica global e se deterioren as diversas problemáticas que están a incidir no mundo da Baixura galega, será máis complicado atopar e tomar medidas que rectifiquen a grave situación do noso subsector.
B) Medidas de actuación urxente Derivado de todo o anterior e como consecuencia desta valoración, a resolución da actual situación está a levar que os diversos subsectores pesqueiros afectados estén a reaccionar buscando solución a algún dos problemas que máis lle afectan e que tamén se poden considerar problemas comúns: Prezo Gasóleo, prezos de venda… Neste sentido, a nosa organización ASOAR-ARMEGA, dende a solidariedade, e na búsqueda de solución xustas aos problemas comúns, apoiará e participará en tódalas accións e negociacións que busquen efectivamente solucións xustas para tódolos subsectores. Asemade, en ASOAR-ARMEGA consideramos que a Pesca de Baixura Galega ten que buscar urxentemente as solucións adecuadas a súa problemática global e específica coa profundidade, intensidade e seriedade que a grave crise que estamos a vivir precisa, tanto no momento presente como no seu previsible agravamento nos próximos meses. En función de esta valoración a nosa organización ASOAR-ARMEGA presenta as seguintes propostas: - B.1.- Que se proceda a Creación, con carácter urxente, dunha Mesa Global e Conxunta da Baixura Galega.
- B.2.- Que esta Mesa esté formada por tódolos axentes que teñen importancia na resolución das diversas problemáticas do nosos subsector:
- Consellerías implicadas : Pesca, Medio Ambente, Traballo; - Organizacións do sector; - Partidos políticos : PsdeG-Psoe, BNG e PP; - Sindicatos. - B.3.- Que na mesma se aborden os problemas específicos nas diversas áreas de crise que afectan a Baixura Galega. Entre outras:
- Costes Directos e Indirectos: Prezos de Gasoleo e Gasolina. Fiscalidade. Seguridade... - Produtividade mariña e recuperación biolóxica de especies de interese comercial; - Funcionamento racional e moderno de artes e aparellos de pesca e extracción; - Diversificación real do subsector en termos socioeconómicos; - Poder de Comercialización e Formación xusta de Prezos de venda. Identificación das propias capturas e Rendabilidade económica real. De xeito que as diversas partes integrantes da Mesa Global e Conxunta da Baixura Galega presenten alternativas urxentes, viables e de futuro a todas estas problemáticas. - B.4.- Que esta Mesa, para dispor da seriedade, urxencia e operatividade necesaria. esté presidida polo Presidente da Xunta D. Emilio Perez Touriño, de xeito que tódalas partes integrantes da mesma sexamos conscentes do carácter excepcional, urxente e importante co que debemos abordar o noso traballo na mesma, e de igual modo se podan dispor de tódolos recursos galegos e da Administración Central necesarios para implementar un Plan Racional, Urxente e de Futuro de saída a actual crise.
C) Alternativas de Futuro de ASOAR-ARMEGA A nosa organización é conscente do enorme potencial de futuro que ten a Pesca de Baixura Galega e presentará nesta Mesa Global e Conxunta da Baixura Galega as diversas alternativas que temos elaborado para as diversas áreas de crise e problematicas do noso subsector e que, como xa comentamos ao principio, xa estamos a debatir e perfilar con tódolos nosos afiliados. Esperamos que as autoridades pesqueiras galegas e os diversos subsectores do noso mar sexan conscentes que diante da crise económica actual, a súa previsible profundización nos próximos meses e pola envergadura das problemáticas que vimos arrastrando nestes últimos anos, é totalmente necesario tomar medidas de amplio calado e futuro e non fomentemos unha política de pequenos parches que en nada van a resolver a crítica situación actual. - A 01-06-2008. Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia ASOAR-ARMEGA
Novas relacionadas Fonte
|