|
O colectivo PX, que onte se mostraba radicalmente en contra da chegada da planta e celulosa á bisbarra, desta volta e co gallo do día do Medio Ambiente, onte xoves 5 de xuño, danos outro punto de vista sobre do que podería ser considerada a Costa da Morte. Ademais lembra que un 50% dos ríos da bisbarra xa contan cun estado deficiente por mor da contaminación. Non perdan unha palabra das declaracións do grupo de Rafael Lema. PX pide a declaración da Costa da Morte como Reserva de Aves e denuncian deficiencias na metade dos ríos No día mundial do Medio Ambiente desde o grupo ecoloxista PX de Ponte do Porto ademais de denunciar dous temas no candeleiro, como a posible ubicación de Ence na comarca e a probable aprobación do plan acuícola este mes alertamos sobre dous puntos que consideran básicos no campo da batalla ecolóxica na comarca: a defensa dos ríos e dos ecosistemas mariños. No marco que abarca desde a desembocadura do Xallas ata Baldaio, o 33% daos cauces fuviais están sans, un 17% presenta síntomas de problemas de contaminación e un 50% xa contan cun estado deficiente. Por iso desde o grupo alertamos na necesidade de protexer e limpar os ríos da zona e os mananciais, xa que entenden que a auga vai ser o recurso máis buscado na próxima década. Nas análises detéctanse cambios entre os cauces visitados na primavera e no outono. Na primeira estación melloran os datos, aínda que pode ser debido as riadas do outono e as poboacións de macroinvertebrados, que son bioindicadores do estado de saúde. As riadas tamén propician que os bosques de ribeira estén mellor coidados e menos degradados en primavera que no outono. Está directamente relacionado a calidade e protección dos bosques de ribeira cos ríos e valoramos o esforzo de entidades como a sociedade de pesca Neria de Vimianzo ou Rio e Mar de Baio na defensa dos cauces fluviais e nas campañas de concienciación e limpeza das augas, pero pedimos máis implicación ós concellos na eliminación de vertedeiros incontrolados a beira dos ríos e na depuración dos sumidorios. Reserva de aves PX pide a Xunta que cumpra coa normativa que lle esixe declaran a zona comprendida entre cabo Vilán e Baldaio, con 7.962 hectáreas de superficie de costa dentro da rede natura como zona de protección de aves ZEPA. PX recorda que a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra Galicia por non adoptar medidas suficientes para a protección da natureza e polo incumprimento dunha sentencia do pasado ano do Tribunal Superior de Xustiza da UE que obrigaba a comunidade a ampliar estas zonas. Galicia ten un prazo dun mes para entregar as súas observacións e en caso de non convencer a UE, terá lugar unha forte sanción de varios millóns de euros. PX cree que o problema principal na comarca consiste no retraso na tramitación do Plan Director da Rede Natura, que fai compatible os usos agrícolas e gandeiros coa conservación da natureza, e é menos restrictivo que a ZEPA. PX recorda que boa parte da zona citada pertence a unha zona internacional de importancia de aves ou Bird Important Area e que tres plantas acuícolas, as de Arou, Camelle e Seiruga, están neste espazo afectado polo que desde o grupo darán conta a UE desta nova circunstancia unha vez se aprobe o plan acuícola e non se retiren as tres ubicacións do proxecto. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do grupo ecoloxista PX.
|