|
Cunha ledicia grandísima amosamos estes traballos de recollida de tradición popular tan peculiares. Dende esta humilde redacción vemos esta iniciativa das Fonotopías de Galicia, argallada polo colectivo Escoitar.org, como un proxecto incriblemente interesante. O proxecto trata de colleitar o patrimonio inmaterial, máis concretamente recolle os "sons en perigo de extinición" do país, un traballo de recollida e posta en valor de paisaxes sonoras en vías de desaparición do noso país. Xa temos escoitado os Batáns do Mosquetín, e estes días o equipo puxo a orella ben grande para grabar dous sons míticos da zona: os sons do liño e o das palilleiras. Ambos traballos de campo foron realizados no castelo de Vimianzo, xa que, sorprendentemente, na vila camariñá foilles imposible atopar unha palilleira disposta. Os membros do colectivo salientan a colaboración da asociación de palilleiras de Vimianzo "As Nemanquiñas", das que quedaron namorados. Palilleiras Así e todo, o traballo de campo coas palilleiras non quedou perfecto. Eso é o que opinan os artistas pero un pasa pola páxina do son das palilleiras e non cansa de darlle a play. Os traballos xustifícanse xa que estamos a falar dun oficio tradicional que estivo a piques de perderse por ser un proceso de produción moi tedioso e manual, que pouco encadra nestes tempos industriais. Actualmente, conservase como unha actividade de carácter artesán, que, grazas a súa promoción como produto artesán está recuperando o seu pulo. Así, non deixedes de escoitar os palillos de madeira de buxo, coñecida amplamente polas súas cualidades musicais. Non se emprega calquera outro tipo de madeira, senón a de buxo. Isto deixa pensar nalgún tipo de relación do traballo de palillado co aspecto sonoro, sobre todo no percutir rítmico do palillar destas mulleres. Segundo apuntan os artistas de Escoitar.org, esta só foi unha toma de contacto, e queda pendente a realización dunha recollida mais detida e profunda, onde se recollan todos os matices sonoros que se desprenden do proceso de palillado. O liño Neste caso, os sons traballados son os das actividades relacionadas co proceso produtivo do liño realizado de xeito artesanal. En colaboración coa asociación de amigos do liño da provincia da Coruña, recolléronse sons que abranguen dende o proceso de mazado ata o fiado na roca, pasando polo espadelado, o rastrexado ou a elaboración das mazarocas. Tamén se inclúe unha extensa recollida da sonoridade do traballo dos teares traballando con liño. Os traballos de recollida foron realizados nas xornadas de artesanía do castelo de Vimianzo. Así, podemos escoitar mentres lemos todo o proceso produtivo do liño. Comezamos mazando o liño, continuamos co proceso de espadelado, rastrexamos o liño, fiamos para a elaboración das mazarocas, enfiamos na roca, pasamos xa á tecedora que primeiro se ten que tensar. Escoitar.org na Radio Galega Cada mércores, podedes sintonizar á tardiña cara ás 18:30, a Radio Galega, e escoitar os seus sons no Tren do Serán. Alí, estes artistas propoñen un son para que os ointes chamen e tenten adiviñalo. A historia é moi divertida. Poden pasare escoitar do programa do 28 de maio, que é cando presentaron as máquinas do liño. Escoitar.org Publicáronse versións en Galego, castelán e inglés, do traballo, que se enmarca dentro das actuacións levadas a cabo por escoitar.org ao abeiro do proxecto "Fonotopías de Galicia, sons en perigo de extinción", parcialmente financiado pola consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e que persigue o rexistro, estudo e conservación de sons en perigo de extinción no territorio galego e que pretende, entre outros obxectivos, a incorporación do son ao patrimonio cultural inmaterial do país, ou o estudo da identidade nacional a través da acústica dos seus espazos e xentes. Escoitar.org é unha comunidade en rede aberta cuxas actividades principais son, entre outras, a conservación da memoria sonora de Galicia e a Posta en valor do patrimonio cultural inmaterial, especialmente o relacionado coa cuestión aural. Ven desenvolvendo distintas actividades dende o ano 2006, que abrangan dende gravacións de campo, ata seminarios e talleres, incluíndo tamén a realización de conferencias e de ciclos de cine. Forma parte do Proxecto-Edición (CGAC, MARCO e Fundación Luís Seoane) e atende a unha das liñas de investigación do Grupo de Investigación DX7 Tracker da Universidade de Vigo. Novas relacionadas Máis información Fonte
|