Venres, 12 de marzo do 2010
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte



RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

Advertisement
Por un futuro sen carbón, por unha costa sen lonas negras  Correo-e
sábado, 07 de junio do 2008

A Plataforma de Arou, a Plataforma de Camelle a Plataforma de Merexo e a Plataforma de Quilmas, entre outras, están metidas na organización da manifestación que terá lugar este domingo 8 de xuño na Praza das Praterías de Santiago de Compostela. Co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, o pasado 5 de xuño, e do Día Mundial dos Océanos, o mesmo 8 de xuño, unha morea de grupos e colectivos do país convocan esta manifestación co lema "Por un futuro sen carbón, por unha costa sen cemento, sen lonas negras".

A reivindicación está clara. Erradicar dunha vez o uso do carbón como combustibles (hai que "deixar o hábito"), ademais de sumar ás reivindicacións a loita contra o Plan Acuícola, que quere alicatar o litoral galego.

ManifestoImage

Nesta Semana Galega do Medio Ambiente as organizacións e colectivos asinantes queremos facer un chamado á sociedade e as administracións para actuar sobre dous problemas ambientais nos que Galiza ten moito que dicer: o uso do carbón como combustíbel para a xeración de electricidade e a degradación dos nosos mares, fonte de vida e recursos para as xeracións vindeiras.

Estas son as mensaxes que centran as reivindicacións do Día Mundial do Medio Ambiente e de Día Mundial dos Océanos que se celebran en todo o planeta os días 5 e 8 de xuño, respectivamente. Por iso as organizacións e colectivos asinantes queremos manifestar o noso compromiso coas demandas das Nacións Unidas para estas datas e a nosa vontade para traballar en Galiza a prol dos obxectivos propostos.

Carbón como combustible

"DEIXAR O HÁBITO" en referenza ao uso do carbón como combustíbel, é o lema do Día Mundial do Medio Ambiente. Con él quérese promover a eliminación do carbón nas economías e estilos de vida das sociedades industrializadas como causante de gran parte das emisións de gases de efeito invernadoiro (GEIs).

Sobre os efeitos da queima de carbón no ambiente, en Galiza sabemos moito. Son xa máis de 30 anos aturando as emisións de Endesa e Fenosa, empresas que obtiveron inmesos beneficios a costa da explotación do noso carbón autóctono para a produción de electricidade nas centrais térmicas. E logo de rematado co lignito, impórtase carbón de países en vías de desenvolvemento, contibuindo a perpetuar a explotación social e destrucción de recursos naturais derivado dun modelo enerxético inxusto e insustentábel. A cambio, os galegos e galegas ostentamos un dos ratios de emisión de CO2 por habitante máis alto de Europa e os peores índices de calidade do servizo eléctrico do estado.

No entanto, as térmicas galegas lonxe de reducir as súas emisións, auméntanas (un 40,2% en 2007 con respeito ao 2006) incumprindo as cuotas para o sector derivadas do cumprimento do protocolo de Quioto, porque lonxe de mudar o modelo, a produción de enerxía segue baseándose no consumo dos recursos fóseis. E os efeitos da contaminación na atmosfera e na terra (eis a loita os veciños da Lousa e Cerceda), da chuvia áceda, das feridas na paisaxe e da perda patrimonio cultural, sufrímolos todos os galegos e galegas, e constitúen unha realidade incómoda que as térmicas non parecen dispostas a asumir e moito menos remediar. Por iso, esiximos das administracións un compromiso decidido coa cidadanía e co ambiente para forzar ao sector eléctrico a reducir as emisións derivadas da combustión de carbón e doutros combustíbeis fóseis. Precisamos unha lexislación que comece por obrigar ás empresas a minimizar as súas emisións e estableza un plano de peche progresivo das centrais térmicas que deberán ser substituídas por enerxías renovables para estarmos á altura dos desafíos que nos plantexa o cambio climático.

Administración

As administracións teñen tamén a responsabilidade de promover un maior aforro e eficiencia nos procesos produtivos e no consumo de electricidade a nível institucional, industrial e doméstico, impulsando campañas de Educación Ambiental e procesos de participación pública para incorporar á cidadanía na busca de solucións. Demandamos un maior compromiso na transformación do actual modelo enerxético e de transporte cara o uso de sistemas e enerxías máis limpas, renovábeis, ambientalmente seguras socialmente máis xustas.

Transporte

O transporte é outro sector dependente da economía do carbono que supón preto do 40% do total das emisións. As políticas baseadas na promoción das grandes infraestruturas de transporte por estrada son insustentábeis. As alternativas que propoñen algúns governos seguen a reproducir o mesmo modelo de dependencia enerxética, desta volta queimando alimentos para mover vehículos. A utilización a grande escala dos agrocombustíbeis ten dubidosos balanzos enerxéticos e de emisións de gases, contribúe á perda de biodiversidade polos monocultivos, maioritariamente transxénicos, á contaminación do solo e as augas polo uso masivo de agrotóxicos e condea á fame e á explotación laboral ás comunidades agrícolas tradicionais, incluindo os nosos labregos e labregas, que constitúen unha parte importante da poboación mundial.

No desenvolvemento das enerxías renovábeis, débese incidir no seu carácter de alternativas abandonando modelos produtivistas e pulando por facer da suficiencia, da soberanía enerxética e do respecto polo patrimonio ambiental e cultural os principais eixos dun novo modelo enerxético máis sustentábel e solidario.

Os bosques

O papel dos bosques é outro aspecto que se quere subliñar este día: as florestas fixan o carbono e contribúen a combater o aumento de gases de efecto invernadoiro. A perda de superficie arborada no planeta contribúe nun 20% ao cambio climático global, que se vai retroalimentar ao aumentar tamén a incidencia dos incendios forestais.

No noso país, cunha importante superficie forestal, a loita contra o lume é unha estratexia fundamental para diminuir a incidencia do cambio climático. Porén, as políticas forestais non deben centrarse só na produción madeireira: os bosques e montes cumpren unha importante función ecolóxica na preservación da biodiversidade, da fertilidade e dos resursos hídricos. A diversificación dos aproveitamentos e a ordenación dos usos do monte con criterios de sustentabilidade deben continuar sendo os referentes dunha nova política forestal, paralelamente ao abandono dos monocultivos de pirófitas, á promoción das frondosas autóctonas e da actividade silvopastoril.

Como demandaba a ILP Forestal de 1989, esiximos un novo Plano Forestal que, recollendo estes criterios, promova unha intensificación das accións por unha silvicultura sustentábel, alonxada de modelos produtivistas ou submetidos aos intereses das transnacionais pasteiras.

O mar

Este 8 de xuño é tamén o DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS. Nesta data, as organizacións e colectivos asinantes queremos lanzar unha mensaxe de alarma pero tamén de esperanza á sociedade galega sobre o estado dos nosos mares. De alarma porque estes ecosistemas están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que deitar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias.

O 75% das especies úteis ao ser humano están sobrexplotadas ou sendo explotadas ao límite da súa capacidade. A pesca artesanal, tradicionalmente sustentábel e respetuosa cos recursos do mar, esmorece, mentres se impoñen políticas pesqueiras orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación dos povos. E a estes, só se lles permite escoller entre o desmantelamento da súa estrutura pesqueira tradicional e os modelos de acuicultura produtivista que vira as costas ao mar para criar peixes en terra, nas macropiscifatorías das transnacionais.

A perda de diversidade e produtividade dos ecosistemas mariños polas verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, as práticas pesqueiras insustentábeis ou influenza do cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico (e xa que logo económico) a ambientes tan produtivos como as rías galegas, que sustentan sectores chaves para a economía do país e fornecen de recursos a unha grande parte da poboación que precisamente se concentra preto da costa.

Desenvolveento urbanístico

O desenvolvemento urbanístico ocupa cada vez máis territorio no litoral, soterrando con toneladas de ladrillos e formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo mental e cultural que fai parte do noso referente vital e da nosa identidade como pobo. En moitos treitos do litoral costeiro galego interrompeuse a comunicación natural terra-mar producindo un desequilibrio ecolóxico na dinámica litoral, co consecuente gasto de diñeiro público anual en rexeneracións de praias e dragados.

As macroplantas de acuicultura previstas no Plano Acuícola pretenden asolagar baixo o cemento e as lonas negras os millores espazos da nosa costa e as nosas terras agrarias, que van trocarse en fábricas de peixes de cemento e foco de contaminación orgánica, química, antibióticos… directa ao corazón do noso mar máis limpo e bravo. E todo por 1.800 postos de traballo, memos dun 5% do emprego directo que xeran os cultivos mariños alimentados por esas marabillas naturais, únicas no mundo, que son as nosas rías.

Os planos de protección do medio mariño están sen cumprir e as áreas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 están sen definir. Á case total ausencia dunha investigación planificada para coñecer o estado do noso patrimonio natural mariño, hai que engadir a falta de compromiso coa protección das especies que son incluidas en catálogos sen poñer en marcha os necesarios planos de protección e recuperación.

Peticións

Cómpre reducir drasticamente o impacto das actividades humanas sobre os ecosistemas mariños. E para este obxectivo global, aparentemene un chisco utópico, debemos actuar localmente comezando polo noso, o mar de Galiza. Comezando por reducir as práticas pesqueiras insustentábeis que comprometen a continuidade dos recursos, mesmo daqueles que non son obxectivo directo da pesca. Esiximos da administración a criazón dunha rede galega de áreas mariñas protexidas, que servan como refuxio e sementeira da biodiversidade mariña que manterá unha actividade extractiva sustentábel, garantindo deste xeito os dereitos e os medios de vida das comunidades pesqueiras artesanais e de todas as que viven directa ou indirectamente do mar.

Reclamamos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a Contaminación Mariña na que participen todos os axentes implicados e con obxectivos concretos, temporalizados e debidamente orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral e nas rías así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. Para isto é preciso garantir a responsabilidade ilimitada para as actividades industriais que causen danos ao medio mariño.

Pedimos a protección efectiva dos ecosistemas costeiros fronte ao urbanismo especulativo e depredador, integrando os espazos costeiros máis valiosos dentro dunha rede galega de áreas mariñas protexidas e estendendo a moratoria ás planificacións industriais, sectoriais e de portos deportivos até a aprobación un Plano de Ordenación do Litoral redactado con criterios de sustentabilidade.

Esiximos finalmente a retirada do Plano Acuícola, a principal e máis inminente ameaza ao patrimonio natural e cultural do litoral, e a apertura dunha mesa de negociación con representación dos movementos sociais, industrias e administracións.

Hai aínda motivos para a esperanza. Os nosos mares aínda teñen capacidade de rexeneración e a chave para a súa curación está nas nosas mans. Comezando por tratar ao océano con esa mistura de agarimo e respecto que lle profesaban os nosos antergos. O mar é a orixe da vida na terra e a súa continuidade, nosa continuidade, depende en gran medida de que saibamos actuar responsabelmente e con humildade para con el, e que sexamos capaces de garantir un aproveitamento sustentábel dos seus recursos.

Fonte

  • Manifesto das asoociacións convocantes.
 
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com