 A fin de semana viña marcada pola manifestación que, en Santiago, xuntaba a milleiros de persoas na procura dun futuro sen carbón, unha costa sen cemento e sen lonas negras". Co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, o pasado 5 de xuño, e do Día Mundial dos Océanos, o propio 8 de xuño, a Praza das Praterías de Santiago de Compostela enchíase para berrar ben alto que este non é o futuro que queremos en este país. Alí, como podemos ver na imaxe, estaban presentes as 4 plataformas da costa que máis activamente traballan por evitar que o Plan Acuícola hipoteque o noso patrimonio natural. Así, vemos á esquerda as bandeiras verdes de Camelle e a súa Plataforma A Xandriña non se vende, á dereita arriba vemos aos integrantes da Plataforma de Merexo (co veterano Manuel Pazos e o seu acordeón, que se pode ver en La Voz), no medio vemos a marea vermella de Quilmas, mentres que os de Seiruga andaban por aí agochados. A Costa segue en loita. Entre as demandas máis importantes atópanse a creación dunha rede de espazos marítimos protexidos que permita manter os ecosistemas costeiros libres do cemento, que garanta que a actividade pesqueira non se vexa influenciada polas actividades urbanísticas e industriais. Deste xeito, a eliminación do Plan Acuícola vese como unha esicxencia de obrigado cumprimento. Con todo, o lector, Xurxo Souto, deu unha "mensaxe de alarma e esperanza". Actividades por Quilmas A Plataforma pola defensa do patrimonio cultural de Quilmas participaba este pasado sábado 7 de xuño nas "V Xornadas Limpando as nosas rías" en Fisterra, que organiza a Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega). As xornadas tratan de ir limpando as rías galegas ao tempo que conciencia da necesidade de coidar o entorno mariño. Quilmas tamén estivo presente nas xornadas de limpeza e concienciación de Corcubión. Compostaxe caseiro Este vindeiro 12 de xuño, o local da asociación acollerá ás 17:00 unha actividade teórico-práctica de compostaxe caseira. A actividade estará organizada por Adega-Costa da Morte. Curso de agricultura ecolóxica en Quilmas Outra das iniciativas da Plataforma de Quilmas, a Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raíña Lupa, está a organizar un curso de agricultura ecolóxica que se impartirá a finais deste mes de xuño. A inscrición está aberta a toda a bisbarra e para máis información poden chamar ao 687 531 513. A comunidade de Bens xa está case que organizada e todas as terras encadradas nos supostos terreos da ampliación da piscifactoría xa están postos en común para comezar a traballalos. Por certo, poden botar un ollo de como está a agricultua ecolóxica en Galicia no interesante Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica de Galiza 2008 - 2013. Exposición de fotografía antiga nos galpóns de Quilmas A Plataforma ten artelladas tamén unhas xornadas na zona onde se instalaría a piscifactoría e onde foi rodado o telefilme de produción galega A mariñeira de Quilmas, de Antón Dobao. Así os vindeiros 1, 2 e 3 de agosto de 2008, a caseta encherase de fotografías antigas e verá culminado o evento coa proxección do propio telefilme. Máis información Novas relacionadas Fonte
|