|
Axentes do Servizo de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña detiveron o mércores a tres persoas como supostas autoras dun delito contra saúde pública, nun operativo que finalizou coa incautación de máis de catro mil dose de heroína e cocaína destinadas a abastecer o mercado ilícito de drogas da comarca de Bergantiños. O suceso ocorría en Neaño, no concello de Cabana de Bergantiños. Estas detencións enmárcanse na denominada "Operación Ópera" que, dirixida polo titular do Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión, xa ofrecera os seus primeiros resultados policiais nas primeiras datas do pasado mes de maio coa desarticulación do coñecido como "Clan de Fisterra", e días despois coa detención en Coristanco de dous veciños de Ferrol acusados de transportar precisamente heroína para o grupo de Fisterra. Así, e segundo as conclusións ás que chegaron os servizos antidroga da Garda Civil, R.B.C., veciño de Teo e de 37 anos de idade, é supostamente a persoa que provía de heroína a un matrimonio de Neaño composto por un home de 54 anos e a súa esposa de 51, sustancia que logo estes -presuntamente- vendían directamente a consumidores da comarca de Bergantiños. A primeira destas tres detencións tivo lugar sobre a unha do mediodía. R.B.C., ao volante dun turismo de aluguer, era sorprendido nas proximidades do domicilio do referido matrimonio. Alertado pola presenza dos axentes da Garda Civil, tratou de evitar a súa interceptación e identificación fuxindo a bordo do vehículo, non conseguindo outra cousa que chocar contra unha columna de formigón e a parte traseira dun camión, quedando así bloqueado no lugar. Acto seguido chegou a detención do referido matrimonio que, testemuñas do que lle sucedeu ao seu suposto subministrador, trataron de desfacerse da droga que tiñan arroxándoa polo fregadoiro. Os tres detidos, xunto á droga e resto de efectos incautados (báscula de precisión, envoltorios para as doses de droga, etc), foron postos esta mesma mañá a disposición do Xulgado de Instrución número dous dos de Corcubión, cuxo titular ordenou o seu ingreso no Centro Penal de Teixeiro-Curtis. Novas relacionadas Fonte - Nota de prensa do Gabinete de prensa da Garda Civil.
|