|
Esta pasada fin de semana a Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA) organizaba as V Xornadas “Limpando as nosas rías”. Xa pasaran por Camariñas e por Corcubión e desta volta a sesión de maquillaxe tocoulle ao peirao de Fisterra. E dicimos maquillaxe porque como asegura Luis Rodríguez, tesoureiro de ASOAR-ARMEGA, serían necesarias unhas 20 xornadas como esta para deixar as rías máis ou menos limpas. O pasado sábado, nada menos que 14 toneladas de lixo foron recollidas polos máis de 80 voluntarios que participaron. É realmente triste ver como os peiraos son utilizados como auténticos vertedoiros, e puidemos comprobar como dende contedores ata motocicletas vellas son arroxados ao mar sen ningún pudor. Todo isto da nosa man, que estas cousas non caen ao mar por arte de maxia. De tódolos xeitos, hai varias conclusións que se poden sacar do lixo extraído: os obxectos levaban moito tempo no auga, polo podemos pensar que pouco a pouco a conciencia vai crecendo; e tan só o 30% do lixo provén do sector pesqueiro. E dicimos "tan só" porque as suposicións iniciais dende a propia ASOAR e dende moitos outros sectores do litoral galego, sinalaban á vida no mar como meriande fonte de contaminación. As xornadas, que argalla a ASOAR-ARMEGA a título persoal, sin subvencións nin patrocinios (é bo que quede claro que o fan porque si o que os engrandece un pouco máis), ademais da limpeza en si, contan con charlas informativas e insisten, sobre todo, na concienciación. Estas sesións de civismo enfocadas para peqeunos e maiores son, se cadra, máis importantes aínda que a limpeza en si, en tanto que se fai fincapé en facernos entender que o mar é fonte de vida. A ecuación que hai que aprender está clara: mares limpos=pescadores con futuro. Por se fora pouco, a ASOAR tamén se preocupa de propoñer novas solucións para os problemas na flota de baixura. A última proposta está en marcha e xa se están a dar os primeiros pasos para a creación da Mesa Global e Conxunta da Baixura Galega. Varias confrarías xa están avisadas, os sindicatos están dacordo e pretenden falar coa Federación Galega de Confrarías. Todo para que en breve, isto ten que ser urxente, se produzan as negociacións pertinentes coas administracións para que se poña todo o necesario para botar a andar este novo ente que englobe a toda a baixura galega. Queremos pois felicitar a labor desta asociación, que traballa arreo para mellorar a vida marítima e mariñeira, ademais de ir extendendo unha cultura do respeto que aínda non está tan arraigada como debería. Agardamos impacientes o estreno dun par de documentais que están realizando. O primeiro amosaría os traballos e as anécdotas das xornadas "Limpando as nosas rías" mentres que o segundo achegaráinos ás especies mariñas do noso litoral, que tan preto están, pero tan pouco coñecemos. Novas relacionadas Fonte - Artigo redactado por Ubaldo Cerqueiro Garcia, Redactor Xefe de 'Que pasa na Costa', para o semanario O Acontecer.
|