|
A quince días para o comezo do verán e a chegada dos primeiros turistas, Laxe ten dúas boas novas que ofrecer á xente. Por un lado, xa programou o departamento de Turismo do Concello as rotas, que veñen de ser presentadas. Polo outro, sóubose que a praia da cabeceira municipal volverá contar con bandeira azul este ano. As rotas turísticas comezarán o 17 de xullo. Faranse dez ata o 27 de agosto. Van orientadas principalmente aos visitantes foráneos, pero sempre se apuntan uns cantos laxenses que queren ‘recoñecer’ o seu territorio. Non só transcorrerán polos termos municipais, senón que levarán aos interesados por moitos puntos da Costa da Morte. Para as saídas dentro do concello utilizarase un minibus. Para as outras, un autocar. O xoves 17 de xullo efectuarase a rota turística polo Concello de Laxe. Será pola mañá. O mércores 23 do mesmo mes, daz dez da mañá ás oito e media da noite, rota sur pola Costa. Ao día seguinte toca visitar o norte da comarca, tamén o día enteiro. Pecha as actividades deste tipo en xullo a rota turística dos miradoiros, o martes 29. En agosto toca empezar por un novo traxecto ao redor da zona de abaixo da Costa. Será o xoves 7. O venres 8, outra rota turística polo Concello de Laxe. O domingo 10 celébrase a esperada rota fotográfica co certificado PRG-70 que terminará coa observación das Bágoas de San Lorenzo, a chuvia de estrelas na zona de Soesto. Comezará ás 19:30 e prolongarase ata as 23:30 horas. Nos días posteriores efectuaranse novas saídas polo municipio, o norte da Costa e os miradoiros.As inscricións poden facerse na oficina de Turismo e no Punto de Información Turística do Concello de Laxe. Traballo conxunto O Concello de Laxe pretende tamén a través das rotas turísticas colaborar co sector hostaleiro do municipio. Tentarase ofrecer algo máis aos visitantes que se acheguen polo municipio con este traballo conxunto. María José Mato, guía turística e medioambiental do Concello, será quen dirixa estas saídas. Todas elas son gratuítas. O Punto de Información Turística vai estar aberto dende o 1 de xullo ata mediados de setembro. Algúns destes trazados xa se teñen feito con éxito en anos anteriores. A miúdo realízanos veciños de Laxe acompañando aos turistas. Constitúen un forte atractivo dentro do programa de verán da vila. Esta programación de rotas turísticas engádese ás de sendeirismo. Unha destas, a ‘Rota 2’, que vai entre a vila de Laxe e Traba foi homologada recentemente Federación Galega de Montañismo. Isto favoreceulle para ter unha maior atención nos espazos promocionais. Excursión dos veciños de Serantes Porque non se acaban as saídas coas que organiza o Concello, a Asociación de Veciños de Serantes prepara unha excursión á Ribeira Sacra para o día 21 deste mes, que cae en sábado. No percorrido haberá paradas en Lugo, Monforte de Lemos, Sober, Doade (alí farase a comida), os Canóns do Sil, San Estevo de Ribas, esgos e Ourense. A saída efectuarase ás sete e media da mañá. O prezo é de 35 euros para os socios e 40 para os non socios. As inscricións, no 981 72 81 16 ou no 618 031 050. Fonte
|