|
O pleno celebrado o pasado venres deu luz verde á moción presentada polo grupo de goberno para apoiar a construción dunha ponte sobre a Ría de Muros e Noia. Trátase dunha alternativa para o trazado da variante de Noia que non está aínda rexeitada, malia ser unha opción non plenamente apoiada por todos os organismos da Xunta. O grupo popular votou a favor argumentando que esta ponte “favorecería a Carnota e á nosa zona, xa que nos poría a un paso de Ribeira e a un paso de Santiago”, segundo explica a tenente de alcalde, Marisol Piñeiro. Explica que esta decisión non é política “como membros do PP senón como alcaldía de Carnota”. O BNG, pola súa parte, abstívose na votación, alegando que “non dispoñen de elementos de xuízo suficiente” e que “puidendo evitar o risco que pode supoñer esta construción para os traballadores, é argumentalmente máis sólida outra alternativa”. Os edís do PSOE votaron en contra da proposta, pois “pode afectarlle ao banco pesqueiro de bivalvos que existe na zona, o que podería prexudicar nuns 5.000 traballadores”. Apoio á Pesca A última hora meteuse por vía urxente outra moción do grupo de goberno para instar á Xunta a apoiar ao sector pesqueiro que nestes días se manifesta debido ao alto prezo do combustible e aos baixos prezos do peixe. Foi aprobado coa abstención socialista. Por outro lado, a corporación aprobou unanimemente os estatutos de asociación ao Pacto Territorial polo Emprego da Costa da Morte, que terá como representante á tenente de alcalde, Marisol Piñeiro. A proposta O texto propón instar á Xunta de Galicia a que reconsidere a posibilidade de construción dunha ponte sobre a Ría de Muros e Noia, que iría dende o lugar da Barquita, en Outes, ata a localidade noiesa de Testal. Malia non estar rexeitado oficialmente, existe un trazado alternativo a este proxecto que vai en todo momento polo interior, por recomendación do informe de impacto ambiental elaborado sobre dito trazado, segundo informou a Consellería de Política Territorial. Este proxecto está sendo impulsado tamén por diversos colectivos empresariais muradáns e noieses, que apelan ao grande beneficio que traería aos empresarios “que fan transaccións comerciais nas lonxas de pescado de Riveira, Portosín e Porto do Son”, e que agora teñen que pasar por Noia, á que se refiren como “un punto negro en canto a ser un embudo de circulación de veículos”. Fonte
|