|
A Fundación Santa María a Real-Centro de Estudos do Románico pasará pola bisbarra para amosar os traballos avanzados pola Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) Terras de Galicia, que trata de revitalizar o patrimonio da Costa da Morte e da Ribeira Sacra. A presentación terá lugar este mércores 18 de xuño a partir das 11:00 no Centro Social e Cultural de Berdeogas, en Dumbría. O evento estará presidido polo conselleiro de Traballo, D. Ricardo Varela e o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño. O director da UPD "Terras de Galicia", Carlos Álvarez, dará a coñecer o traballo que a Fundación Santa María a Real está desenvolvendo noutras partes de España e os obxectivos que o proxecto UPD "Terras de Galicia" quere alcanzar na Costa da Morte. 6 meses de traballo No mes de decembro a Fundación Santa María a Real-Centro de Estudos do Románico, subvencionada pola Consellería de Traballo e a Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, desembarcou en Galicia para desenvolver un ambicioso proxecto: pór en marcha a Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) "Terras de Galicia". Durante dous anos, este equipo multidisciplinar, formado por 15 persoas, traballará na promoción, difusión e dinamización do patrimonio cultural galego e noutras iniciativas susceptibles de promover o desenvolvemento a partir dos recursos de dúas comarcas concretas, Ribeira Sacra e Costa da Morte; ademais, servirá de apoio técnico ao resto de Programas que se desenvolven na Comunidade Autónoma. Revitalización do patrimonio Seguindo estes obxectivos, a UPD "Terras de Galicia" explorará na Costa da Morte todos os recursos que ofrece nos seus diferentes ámbitos, especialmente aqueles que teñan que ver coa súa terra, o seu mar, a súa historia e as súas xentes. Analizará os puntos fortes e débiles, as ameazas e oportunidades de cada unha das liñas de actuación que poden desenvolverse nun futuro para posteriormente, expor proxectos concretos, perdurables no tempo, sobre aquelas actividades, ámbitos ou lugares que poidan ofrecer as mellores perspectivas, requiran intervencións máis urxentes ou poidan ser modelos para outros territorios. Escola taller A Fundación Santa María a Real CER, é unha institución iniciadora e promotora dos programas de Escolas Taller que naceron en España no ano 1985 e puxo en marcha un dos primeiros destes proxectos a nivel nacional. Desde entón, permaneceu vinculada aos programas de formación e emprego desenvolvendo diversas actuacións, colaborando con varias institucións e diversificando as súas liñas de actuación. A Fundación foi galardoada con numerosos premios no ámbito do Patrimonio Cultural, entre eles pódense destacar o Premio Europa Nostra 1987 pola restauración e rehabilitación do Mosteiro Santa María a Real, converténdoo en centro de educación e escola-taller e o Premio Europa Nostra 2003 pola Enciclopedia do Románico en Castela e León, unha obra que agora se está desenvolvendo en toda España e que, desde o mes de outubro, conta cun equipo de traballo en Pontevedra. Novas relacionadas Fonte
|