|
Abríamos esta semana coa mala nova da tala dunha carballeria en Toba, no concello de Cee. O luns fora o BNG quen denunciaba os feitos ocorridos no lugar da Sembra e que acusaba ao concello de acabar cunha das poucas carballeiras, se non a única, que queda no concello. Seguen chegando queixas dos feitos, e agora son os membros de Adega Costa da Morte os que denuncian o sucedido. ADEGA sinala ademais as súas sopeitas de que a actuación foi levada con premura, dada a tosquedade da operación, ante un suposto medo á aparición do Se.Pro.Na pola denuncia do grupo do BNG do concello. Paseo que pase, as árbores xa están nos camións. Nota de prensa de Adega Costa da Morte O concello de Cee tala unha carballeira en Toba Cee 18 de xuño de 2008. Membros de ADEGA da Costa da Morte achegáronse hoxe ata o lugar de Sembra para visitar os restos da tala indiscriminada dunha pequena carballeira dunha media hectárea pertencente á parroquia de Toba no concello de Cee. A carballeira, xa destruída por completo, ocupaba unha das parcelas públicas resultantes da concentración parcelaria no núcleo. Este atentado ecolóxico supón un novo golpe á xa devastada masa forestal autóctona do municipio, que tiña na carballeira de Toba un dous seus últimos expoñentes. Da carballeira, que ocupaba unha superficie de aprox. 5.206 metros cadrados, só quedan unha chea de troncos amoreados no pé do camiño, algúns deles de gran diámetro, o que pode darnos unha idea da antiguidade deste bosque, á espera dunha valoración técnica da súa idade real. Ademais, a tosquedade de moitos dos cortes observados parecen indicar que foron efectuados con verdadeiro apuro, posibelmente motivado polo aviso dado ao SEPRONA polo BNG de Cee, formación que denunciou publicamente os feitos logo de recibir queixas dos veciños polo que estaba acontecendo, os que non foron en ningún caso informados sobre os motivos desta tala. De feito, o voceiro local do BNG de Cee, Daniel Oca, tivo a xentileza de acompañarnos ao lugar, que xa visitara con anterioridade, e grazas ao que se puido comprobar que lonxe de suspenderse a tala tras a denuncia ao SEPRONA esta aínda se intensificou, pois hoxe só quedaban intactos uns poucos carballos a modo de marco. A carballeira, xa destruída por completo, ocupaba unha das parcelas públicas resultantes da concentración parcelaria que se executou no núcleo. Este atentado ecolóxico supón un novo golpe á xa devastada masa forestal autóctona do municipio, que atopaba na carballeira de Toba un dous seus últimos expoñentes. A delegación de ADEGA na Costa da Morte agarda unha explicación dos responsábeis desta desfeita, que supostamente foron -para máis desgraza- os propios gobernantes que deberían destacarse pola defensa dos nosos tesouros naturais e non pola súa erradicación sistemática. ENCE? Temos que lembrar que casualmente hai poucos días o mesmo alcalde aproveitou a súa toma de posesión como presidente de Neria para candidatar á Costa da Morte como destino da fábrica de celulosas ENCE no caso do seu previsíbel traslado da Ría de Pontevedra. A este paso, todo parece prognosticar que en poucos anos o único salvaxe que vai quedar na Costa da Morte será a actitude dalgúns dos seus alcaldes. Maís información Novas relacionadas Fonte
|