|
O asociacionismo na comarca é moi activo, mais o seu radio de acción sóese centrar na gastronomía e o folclore. Que non todo na vida é iso amósao a aparición de dous ‘clubes’ moi particulares en Laxe. Só un par de meses despois de que se constituíse o Hot Club de Jazz, o pasado sábado presentouse en sociedade o Motoclub. Na festa anunciouse o primeiro gran proxecto do colectivo: organizar unha concentración moteira para a última fin de semana de xullo. Coincidirá coa ponte do Apóstolo, os días 25, 26 e 27, polo que será unha celebración longa. A tenor do visto o sábado, terá éxito. Chegou a haber máis de cen vehículos de dúas rodas na explanada do polideportivo durante a tarde na que comezaron as actividades do Motoclub. O presidente da entidade, Jacinto Doldán, é optimista de cara ao futuro da asociación. Explica que non lles move o ánimo de lucro e por iso decidiron que a inscrición na xuntanza moteira sexa gratuíta: “Imos tentar darlle uns ‘pinchiños’ e a posibilidade de divertirse a todo o que veña. Se facemos algunha actividade antes desa data, será destinada a recadar fondos para eses días”. A asociación foi constituída por catro socios. Outras seis persoas axudaron a que saíra adiante o proxecto con diferentes tipos de apoios. Agora ábrese o proceso de captación de novos afiliados. A filosofía do Motoclub laxense é moi aberta, pero mantén as liñas básicas das principais asociacións moteiras. O problema que máis preocupa é o dos gardarraís, motivo de grandes desgrazas nas estradas. Tamén a reivindicación dun circuíto na comunidade galega: “Algúns de nós imos a miúdo a Portugal para poder rodar en circuíto. Son moitas horas de viaxe e moitos gastos”. De toda a comarca Á presentación do sábado 7 asistiron non só afeccionados ás motos de Laxe, senón de toda a Costa da Morte. “Incluso viñeron membros dos motoclubes do Xallas e A Coruña”, indica Doldán. Estes datos animan moito aos impulsores da agrupación laxense, xa que fan de avance do que pode suceder na concentración de xullo. Xa teñen pensado algo para eses días. “Queremos facer algo en plan tranquilo, que veñan turistas e que podan coñecer o concello e os seus arredores con calma”. É probable que as horas ‘queimando roda’ vaian ter un interludio con churrascada incluída. De momento, boas intencións non faltan neste comezo da vida do Motoclub de Laxe, que se antolla longa e moi produtiva. Fonte
|