Xoves, 28 de agosto do 2008
 
 
   
Inicio
Cabana
Camariñas
Carnota
Cee
Corcubión
Dumbría
Fisterra
Laxe
Malpica
Mazaricos
Muxía
Ponteceso
Vimianzo
Zas
Bisbarra

Os vídeos de Que pasa na Costa


Salvacadelos

Horarios autobuses Costa da Morte


Advertisement

RSS de Que pasa na Costa Semente RSS


Reportaxes realizados

A candidatura do GDR deberá ser presentada antes do 16 de setembro  Correo-e
lunes, 23 de junio do 2008

Xa sabemos un pouco como está o tema do GDR número 26. As últimas xuntanzas entre a xunta xestora provisional elixida polas asociacións, cos alcaldes e Neria, deu como resultado que se acordara presentar unha única candidatura, como aconsella a consellería. Ademais, a nova xunta xestora está constituida por 6 membros, dos que só 2 representan ás asociacións; outros 2 son alcaldes e os que faltan, de Neria, que en debendo ser unha asociación máis, ten tanto peso como as 250 asociacións restantes xuntas. Dende aquí, pensamos que a dinámica “de abaixo a arriba” proposta como filosofía desta campaña pola consellería, está perdendo significado, e os fondos serán controlados de novo polos de arriba.

No tocante á candidatura única, AGADER avisa pero non prohibe: A concorrencia de máis dunha candidatura implica a non concesión do programa para ese territorio e a publicación dunha segunda convocatoria, na que os distintos aspirantes deberán presentarse de forma unificada.

Con todo este movemento, a Consellería de Medio Rural informa da convocatoria para a constitución dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que xestionarán os proxectos dentro do novo Leader Galiza 2007-2013, os últimos fondos europeos que chegarán ao noso país. Así antes do vindeiro 16 de setembro de 2008, os grupos deberán achegarlle á administración tanto os seus proxectos como a súa candidatura para constituírse en órgano xestor.

Boten unha ollada á extensa nota de prensa da Consellería que é bastante explicativa do que debería ser un GDR.

Ademais, noutro eido de cousas, o Centro Comarcal de Bergantiños acolle unha exposición máis que interesante: “Feísmo Ilustrado”, un conxunto de ilustracións de quince debuxantes galegos que reflexionan sobre a problemática do feísmo en Galiza. A exposición estará aberta ao público no Centro Comarcal de Bergantiños en horario de 10:00 a 14:30 e de 17:00 a 20:00 horas, de luns a venres, e os sábados pola mañá entre as 10:00 e as 14:00 horas.

Notas de prensa de Medio Rural

As entidades interesadas en constituír os GDR para a xestión do novo Plan Leader Galiza 2007-2013 teñen prazo ata o vindeiro 16 de setembro

  • A Consellaría do Medio Rural, a través de AGADER, publicou o pasado luns no DOG a resolución que fixa as bases para a selección de programas de desenvolvemento rural, e dos grupos de desenvolvemento rural (GDR), como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galiza 2007-2013.
  • Na aprobación dos proxectos que optan a estes fondos, primarase que contribúan a aumentar o desenvolvemento e competitividade dos sectores agrario e forestal, a protexer o ambiente e o contorno rural e a mellorar a calidade de vida e a diversificación da actividade económica nestas áreas.
  • En total serán 31 os GDR que se encargarán de xestionar os máis de 142 millóns de euros de orzamento do Programa Leader para este período.
  • Na fase previa de consulta e debate cos axentes territoriais foron máis de 4.300 as entidades que amosaron o seu interese en participar nestes Grupos.

Santiago, 21 de xuño de 2008.- A Consellaría do Medio Rural, a través de AGADER (a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), vén de convocar as bases para a presentación de proxectos que opten a ser financiados no marco do novo Leader Galiza 2007-2013, así como para a constitución dos GDR (Grupos de Desenvolvemento Rural), como entidades colaboradoras na xestión dos fondos contemplados no plan para este período, e que ascenden a un total de 142.846.735 euros. As entidades interesadas en presentar os seus programas de desenvolvemento rural, que deberán contribuír a dinamizar as áreas rurais de Galiza, teñen de prazo ata o próximo 16 de setembro para achegarlle á administración tanto os seus proxectos como a súa candidatura para constituírse en órgano xestor. Tal e como definiu a Consellaría, serán un total de 31 os GDR que actuarán sobre outras tantas demarcacións territoriais nas que se dividiu o territorio galego, quedando excluídos, tan só, os núcleos de poboación de máis de 2.000 habitantes e parques empresariais situados nos concellos non comprendidos nas zonas de reequilibrio do Plan de reequilibrio territorial de Galiza 2007-2010.

A Consellaría avanza así un chanzo máis cara ao desenvolvemento do novo Leader Galiza 2007-2013, aplicando unha metodoloxía de traballo aberta e transparente que permitiu coñecer as necesidades dos distintos territorios na fase previa de consulta cos distintos axentes locais, que vén de rematar, e na que foron máis de 4.300 as entidades que amosaron explicitamente o seu interese en formar parte dos novos Grupos. Esta dinámica “de abaixo a arriba” será a que se manteña durante toda a execución do plan, de xeito que a poboación local sexa protagonista activa dos proxectos de transformación e de diversificación que se leven a cabo neste período, mediante a aplicación de enfoques innovadores e o aproveitamento dos recursos propios de cada territorio.

Entre os requisitos que rexen a constitución dos GDR figuran os seguintes:

  • adoptar a forma xurídica de asociacións.
  • estar compostos por un conxunto de interlocutores, públicos e privados, con arraigo no territorio, de xeito equilibrado e representativo tanto desde o punto de vista sectorial coma territorial. Neste sentido, o grupo debe documentar que seguiu un proceso participativo e aberto a todos os axentes locais e, en ningún caso, poderán conformalo persoas físicas ou sociedades mercantís, agás cooperativas, sociedades agrarias de transformación (SAT) e sociedades laborais. Seguindo o principio de “portas abertas”, debe garantirse a incorporación, tanto na constitución como ao longo de todo o período, de todas as entidades con implantación local que, reunindo os requisitos esixidos para asociarse, así o soliciten.
  • en todos os órganos decisorios, as entidades de natureza privada haberán representar máis do 50% dos votos. En todo caso, na Xunta directiva ou similar estarán representadas as asociacións de mulleres, as asociacións de mozos/as, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas agrarias con presenza no territorio de actuación de cada GDR. No proceso de toma de decisións, cada membro dos órganos decisorios ten un voto, e todos os asociados son elixibles para ocupar cargos de dirección.
  • ter capacidade para definir unha estratexia de desenvolvemento no territorio e para asumir as tarefas de colaboración na súa xestión, así como a eficacia dos mecanismos de funcionamento, de toma de decisións e a transparencia na atribución de funcións e responsabilidades.
  • dotarse dun equipo técnico con formación e capacidade para xestionar a estratexia de desenvolvemento proposta. No proceso de contratación de persoal garantiranse os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia. Só se poderá recorrer puntualmente á contratación de asistencias técnicas externas.
  • dispor de medios técnicos suficientes, en particular daqueles requiridos para a utilización da ferramenta informática que facilite Agader para a xestión do programa Leader.
  • comprometerse a participar, polo menos, nun proxecto de cooperación interterritorial ou transnacional, cando se faga a convocatoria para tal fin.
  • comprometerse a traballar en rede, integrándose na Rede Galega de GDR.

Funcións dos GDR

Os GDR que, unha vez seleccionados terán a dobre condición de entidades colaboradoras na xestión de subvencións para o desenvolvemento local e de beneficiarias das axudas para promoción territorial, terán como función principal executar o programa de desenvolvemento rural seleccionado por Agader, o que leva implícito:

  • informar e asesorar a poboación rural sobre o contido e alcance do seu plan de desenvolvemento rural e incentivar a participación activa no mesmo.
  • promover e captar iniciativas, así como acompañar os promotores no proceso de maduración de proxectos.
  • avaliar e seleccionar proxectos promovidos polos promotores do territorio.
  • efectuar, por delegación de Agader, o control e seguimento da execución dos proxectos.

Aos membros dos órganos de decisión e ao persoal contratado dos Grupos aplicaráselles o mesmo réxime de incompatibilidades que ao persoal da Comunidade Autónoma. En calquera caso, o xerente ou máximo responsable técnico terá dedicación exclusiva e non ocupará cargos electos nos órganos do GDR.

Por cada territorio só se admitirá unha única candidatura, de xeito que todos os axentes interesados en promover un programa de desenvolvemento rural haberán de acordar unha única proposta de actuación. A concorrencia de máis dunha candidatura implica a non concesión do programa para ese territorio e a publicación dunha segunda convocatoria, na que os distintos aspirantes deberán presentarse de forma unificada.

Programas de desenvolvemento rural

Os programas de desenvolvemento rural, que elaborarán os GDR, deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • 1. Estar orientados ao desenvolvemento endóxeno e sustentable do territorio en que se aplique, ao fortalecemento e diversificación do tecido empresarial e da actividade económica, á fixación de poboación, á elevación das rendas e do benestar social dos seus habitantes, así como á conservación do patrimonio natural e cultural.
  • 2. Adaptarse coherentemente ás necesidades dos territorios de actuación.
  • 3. Ser complementarios coas intervencións doutros programas e medidas que se apliquen no mesmo ámbito e, en particular, cos proxectos xestionados polos grupos de acción costeira (GAC) que actúan en boa parte do territorio galego.
  • 4. Ter unha concepción e aplicación multisectorial, aplicando enfoques innovadores.
  • 5. Ser viable desde unha perspectiva económica, social e ambiental.
  • 6. Contribuír á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e á participación da mocidade na vida económica e social.

Entre as medidas subvencionables atópanse as seguintes:

  • 1. A dinamización do sector agrario e forestal (a través de investimentos en explotacións que melloren o seu rendemento global, introduzan novas técnicas de produción, recuperen variedades tradicionais, apoien novas producións, favorezan a extensificación ou melloren a súa eficiencia enerxética). Así mesmo, primaranse proxectos vinculados ao aumento do valor económico dos montes veciñais en man común ou de asociacións de propietarios, sempre que sexan actuacións singulares ou pastorís, excluíndo as plantacións forestais regulares e os tratamentos silvícolas asociados. Tamén se priorizarán actuacións que xeren valor engadido a partir dos produtos agroalimentarios e forestais e fomenten o desenvolvemento das NTIC.
  • 2. Mellora ambiental e do contorno rural (mediante investimentos non-produtivos en explotacións agrarias, espazos forestais e a posta en valor do patrimonio rural.
  • 3. A diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida (a través da diversificación das explotacións cara a actividades non-agrarias; a creación, ampliación e modernización de Pemes; o fomento de actividades turísticas; a dotación de servizos básicos para a economía e a poboación; a renovación e desenvolvemento de poboación rurais e a formación.

De acordo coa distribución de fondos establecida no Programa Galego de Desenvolvemento Rural, o 25% destinarase a actuacións incluídas na primeira medida que se cita, o 5% á segunda e o 70% restante á terceira. Do total de fondos públicos asignados, o 75% destinarase a financiar proxectos produtivos que favorezan a creación de emprego e riqueza nas áreas rurais. Entre os non produtivos de prioridade alta están os servizos de igualdade e benestar á poboación, tales como centros de inclusión social e para discapacitados, escolas infantís, centros de día, etc; servizos de transporte adaptados en áreas de baixa densidade de poboación; implantación de TIC no medio rural, a través da creación de aulas de informática, telecentros e plataformas dixitais de servizos a empresas ou á poboación en xeral.

Os programas de desenvolvemento rural financiaranse ata o límite de fondos públicos establecido no PDR máis a achega dos promotores, que deberá representar polo menos unha porcentaxe do 140% respecto do total de fondos públicos asignados. A distribución inicial de fondos entre os distintos grupos realizarase en función de criterios como a superficie, a poboación, os índices de avenllentamento, de renda dos fogares, de peso do emprego agrario no total, a composición e representatividade sectorial e territorial dos seus membros, a achega de infraestruturas e recursos materiais por parte dos socios, a calidade e coherencia do programa coas necesidades do territorio ou a incidencia de iniciativas que xeren novas oportunidades para mulleres e mozos/as, entre outros.

Unha vez seleccionados os GDR e aprobados os programas de desenvolvemento rural, os primeiros asinarán un convenio con Agader no que se incluirán os cadros financieiros para a execución dos proxectos, a delimitación territorial do ámbito de actuación do grupo, así como o modelo tipificado de informe e control de elixibilidade que lle corresponde emitir a esta entidade no procedemento de concesión de axudas.

O Centro Comarcal de Bergantiños acolle a exposición "Feísmo Ilustrado

  • Quince debuxantes galegos empregan o humor gráfico e a ilustración para reflexionar sobre a problemática do feísmo en Galiza.
  • A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza colabora coa Consellaría de Vivenda e Solo na organización desta mostra, que se poderá visitar ata o 30 de xuño.
  • Santiago de Compostela, 20 de xuño 2008.- “Feísmo Ilustrado” é un conxunto de ilustracións de quince debuxantes galegos que reflexionan sobre a problemática do feísmo en Galiza. A mostra, que se poderá visitar ata o 30 de xuño no Centro Comarcal de Bergantiños, está promovida pola Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza – dependente da Consellaría do Medio Rural – e mais pola Consellaría de Vivenda e Solo.

    Os autores que participan na exposición empregan o humor gráfico e a ilustración para abordar un problema complexo que reflicte a relación da sociedade coa paisaxe e co territorio. Trátase de debuxantes cunha longa traxectoria profesional, que colaboran coa súa ollada crítica nos eidos social, económico ou político en xornais e editoriais tanto galegos como estatais: Jacobo Fernández, Ánxeles Ferrer, Forges, Fran Jaraba, Leandro, Siro López, Xan López Domínguez, Xaquín Marín, Pinto & Chinto, Miguelanxo Prado, Miguel Robledo, Kiko da Silva, Alberto Vázquez, Óscar Villán e Xosé Lois.

    A exposición “Feísmo Ilustrado” estará aberta ao público no Centro Comarcal de Bergantiños en horario de 10:00 a 14:30 e de 17:00 a 20:00 horas, de luns a venres, e os sábados pola mañá entre as 10:00 e as 14:00 horas.

    Novas relacionadas

    Fonte

    • Nota de prensa do Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Rural.
 

Contacto: info[arroba]quepasanacosta.com

Todos os contidos baixo Licencia Creative Commos.


Delegación en Corcubión: Galinus, Comunicación en internet



Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com